
“O último filme de Miyazaki, O castelo ambulante de Howl, ten lugar nun reino do val habitado por magos, demos de lume e serpeantes monstros das sombras ataviados con bonitos botes de palla. Está baseado nun libro infantil da autora galesa Diana Wynne Jones. Miyazaki visitou Gales varias veces e sente un fondo afecto por ese lugar. A primeira vez que estivo alí foi no 1984, onde presenciou de primeira man as folgas dos mineiros e plasmou toda a angustiosa experiencia no seu filme Laputa: O castelo no ceo (1986). “Admirei aqueles homes”, di sentado ao sol mentres os fotógrafos se derreten. “Admirei como loitaron para salvar o seu estilo de vida, igual que fixeron os mineiros de carbón xaponeses. Moita xente da miña xeración ve os mineiros como un símbolo; unha raza en extinción de homes loitadores”. Encóllese de ombros. “Agora xa non existen”.
E esa é a cuestión. Miyazaki, con toda a súa fama e aclamación, pronto podería ser un deles. O seu destino é ser aclamado como o maior profesional da animación debuxada (quizais o mellor que existiu xamais) nun momento no que a arte parece ir camiño da extinción. Móstrase curiosamente tranquilo ao respecto. “Se é unha arte moribunda, non podemos facer nada. A civilización avanza. Onde están todos os pintores de frescos agora? Onde están os paisaxistas? Que fan agora? O mundo cambia. Fun moi afortunado por poder facer o mesmo traballo durante 40 anos. Iso é raro na nosa época.” Este mundo cambiante é algo que fascina a Miyazaki desde hai moito tempo. Nos seus filmes aparecen entrañables criaturas loitando con unllas e dentes para preservar as súas comunidades e bucólicas paisaxes baixo ameaza de destrución (…)”.
[Tirado de The Guardian, 14 de setembro de 2005]
Mércores 22 de marzo ás 21:30 no Pichel
O castelo ambulante de Howl
(ハウルの動く城 [Hauru no Ugoku Shiro], Hayao Miyazaki, Xapón, 2004, 119′, VOSG)