
Como se mencionou con anterioridade, unha película de culto é unha película que é vista repetidamente por un público entregado á mesma. Como afirmou Corrigan: «Coas películas de culto, a diferenza da maioría das outras películas, o público busca non só o descoñecido no personaxe e a historia, senón un estilo, marco e textura fílmica descoñecidos».
Os espectadores de culto celebran o marxinal, é dicir, o invisible e/ou inalcanzable e o considerado como non pracenteiro ou inaccesible para a maioría dos espectadores e «tenden a construír unha comunidade microcósmica de admiradores». En poucas palabras, este público desfruta «(…) tales diferenzas, xa que para eles (as películas, por exemplo) suxiren algo inusual, notable e valioso». Como escribe Telotte: «[O que] traspasa os límites do tempo, dos costumes, da forma e ―moitos poderían engadir― do bo gusto».
Utilízanse diferentes termos para describir aos espectadores de películas de culto, incluíndo cult fan-boys (Oliver Dew), público case adorador (Telotte) e público devoto (Kawin). O cine de culto é, sen dúbida, un xénero baseado nos fans ― ás veces con actitude militante ― e ten como finalidade buscar o que é marxinal, outro, exótico e peculiar nas películas. Eu experimentei este fenómeno cando visitei o ritual The Night of Terror no Amsterdam Fantastic Film Festival de 2007 e tamén fun testemuña do nacemento dos Jakarta cult fan-boys mentres asistía ao 2º Festival Internacional de Cine Fantástico de Indonesia. Estes fans tamén queren ser diferentes dos cinéfilos correntes ou incluso dos máis afeccionados, como se quixesen demostrar que teñen un gusto diferente e poden gozar de unusual movies, como escribe Jancovich:
O fandom do cine de culto non se desenvolveu en oposición nin ao comercial nin ao académico, senón que xurdiu dunha serie de desenvolvementos económicos e intelectuais no período de posguerra, un proceso que creou mercados cinematográficos selectivos que foron definidos por un sentido de distinción do cinema comercial convencional.
[Tirado de Imanja, E. (2009) “The Other Side of Indonesia: New Order’s Indonesian Exploitation Cinema as Cult Films,” COLLOQUY text theory critique, pp.147-155]
Mércores 29 de marzo ás 21:30 no Pichel
Leák [Místicos en Bali]
(Leák [Mystics in Bali], H. Tjut Djalil, Indonesia, 1981, 86′, VOSG)