PUBLICACIÓNS

Cartaces do Cineclube de Compostela (2011-2019) (2019)

cartaces cineclube ciclón

A comezos de 2019, o Cineclube aceptou o convite de Ciclón, un espazo expositivo que funciona coa premisa de que as súas mostras deben realizarse con 100 folios que logo son obxecto dunha publicación. No noso caso serviu para recompilar os deseños do Cineclube posteriores ao libro que recollía os dos primeiros dez anos da asociación.

“Desde que, en marzo de 2000, Ramiro Ledo ideara o primeiro cartaz (nun DIN A-4 en branco sobre negro que castigaría os tóneres de boa parte das impresoras da cidade), e especialmente a partir dos debuxos a man de Xoel Méndez da tempada 2001-2002, os cartaces do Cineclube de Compostela adquiriron vida propia alén do colectivo que os puxera en marcha. Foron roubados, rachados, corrixidos, customizados, pintados ou coleccionados por centos de mans anónimas, converténdose na mellor metáfora de que a propiedade intelectual tamén é un roubo. (…)

A capa do libro Cartaces do Cineclube de Compostela (2001-2011) recollía a imaxe dun cartafol onde se gardaban os orixinais en papel. Desta, escollemos precisamente ese formato para preservar os deseños sen perder a súa vontade orixinal: a de seren colados, reproducidos ou mesmo modificados. E conformamos así unha sorte de arquivo que preserve o fuxidío da edición de combate e loite contra a fugacidade da era dixital, sen renunciarmos por iso a que os cartaces sigan vivos.”

[Do limiar de Cartaces do Cineclube de Compostela (2011-2019)]

 

*****

Cartaces do Cineclube de Compostela (2001-2011) (2011)

cartaces cineclube_2011O 11 de xuño de 2011, ao abeiro das celebracións do 10º aniversario do Cineclube, presentamos o libro Cartaces do Cineclube de Compostela (2001-2011), onde se recollen, en pequeno formato, a meirande parte dos cartaces que a nosa asociación producíu nestes dez anos de andaina.

“Dende o punto de vista comunicativo, no que a forma é constitutiva, os cartaces do Cineclube de Compostela son a posta en discurso da consigna que identifica este acontecemento: partillar non é delito, a propiedade intelectual é un roubo. Estamos diante do valor incidental dun obxecto, dun artefacto-reclamo que nos lindes da tradición construtivista utiliza os medios a bordo, o baixo custe e a velocidade de reprodución: branco e preto; tipografía sen apoios, da estirpe racionalista dos vinte e dos cincuenta, da Futura e da Helvética, con variacións para a escrita manual, de apontamento urxente, como pegada dunha aparición; contraste radical figura-fondo para, nalgúns casos, conducirnos cara ás prácticas do esterxido militante nos muros máis o look-vietnamita, de obxecto múltiple que acolle corpo, materialidade, a través dun dispositivo accesíbel, para a textura final.”

[Margarita Ledo en “O cartaz como ligame”, limiar de Cartaces do Cineclube de Compostela (2001-2011)]

 

 

 

 

*****

Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural (2010)

capa_non conciliadosNon conciliados. Argumentos para a resistencia cultural é unha caixa de ferramentas que contén vinte e tres achegas textuais contra a superestrutura ideolóxica do modo de produción dominante, a cultura do espectáculo e a propiedade intelectual privatizada. Neste artefacto de urxencia (…) non funciona a lóxica totalizadora do mercado e si a procura de liñas de fuga, de tentativas de sedición. Prescríbese, amais, unha cartografía dos movementos rebeldes e a identificación de lugares de conflito. En Non conciliados, cada documento de cultura é tratado ao tempo como documento de barbarie.

Ao colaboracións foron xenerosamente escritas por Alberte Pagán, Alberto Lema, Aurelio Castro Varela, Belén Gopegui, CSO Casa das Atochas, Cristina García Parga, Cristina Martínez, David Rodríguez Rodríguez, Gonzalo Pallares, Iria Sobrino Freire, Isaac Lourido, Isaac Marrero Guillamón, José Manuel Sande, Lara Rozados Lorenzo, Daniel Salgado, María do Cebreiro, Mario Regueira, Marcos Pérez Pena, Miguel Prado, Ramiro Ledo Cordeiro, Samuel Solleiro, Urro, Xesús González Gómez e Xiana Arias, respondendo todas a un chamamento de urxencia enviado por correo electrónico que aproximadamente reclamaba “xuntar un monllo de textos arredor da cuestión da resistencia, as marxes, a contra e outros conceptos diametralmente opostos á ditadura do beneficio e a explotación das persoas polas persoas, así como diverxentes da cultura como industria (vid. Adorno, Terry Eagleton, Trotsky, Diego Rivera e André Breton) e a prol da constitución da hexemonía socialista”.

Eu vou ser como a toupeira ou Para que serve o cinema? (Alberte Pagán)

Variacións sobre un texto de Benjamin (Alberto Lema)

5 veces 1: despois da representación (Aurelio Castro)

Encenar a resistência ou Da Actualidade de Bertolt Brecht em tempos de Amancio Ortega (Cristina Martínez)

Os fillos que eles nunca quererían ter (CSO Casa das Atochas)

O que se aveciña (David Rodríguez Rodríguez)

Resistir en prosa: Vida e fugas do manifesto moderno (Iria Sobrino)

Extractos de resistencia. Antoloxía de textos expropiados (José Manuel Sande)

Contra o patriotismo (Marcos Pérez Pena)

Algunhas reflexións sobre poesía e resistencia (María do Cebreiro)

Facer filmes contra o seu tempo (Ramiro Ledo Cordeiro)

Cultura e diferenza. Visita ao zoolóxico do discurso político (non dean de comer á extrema dereita) (Samuel Solleiro)

Cultura, resistencia, estética: Loita de clases (Xesús González Gómez)

Historia(s) do vídeo (Xiana Arias Rego)

*****

Revista Ariel (2002-2004)

ariel_número 0ariel_número 1

ariel_número 2ariel_número 3

Entre maio de 2002 e xaneiro de 2004, o Cineclube de Compostela editou o boletín de crítica cinematográfica Ariel, chamado así en referencia ao filme do mesmo nome de Aki Kaurismaki. Saíron á rúa 4 números, que agora decidimos rescatar e compartir convosco na súa versión dixitalizada. Descargádeos premendo en cada imaxe.