
O novo paradigma da bruxería non depende da “teoría dunha volta ás tradicións”, é dicir, a idea de revitalizar tradicións máxico-relixiosas como un arma efectiva contra o avance da modernización. Ao contrario, quen acepta este paradigma defende que os conceptos tradicionais de bruxería xa non poden ser aplicados nas cambiantes condicións socio-económicas. No canto de revitalizar, falan do proceso da “retradicionalización” das sociedades africanas que Patrick Chabal define non como volta ás “tradicións” senón da súa adaptación á sociedade moderna.
Falar de “tradición” e “modernidade” como dous conceptos opostos implica o perigo de caer na trampa ideolóxica da teoría clásica da modernización, que estabelecía estas categorías como tempos radicalmente separados nas que o primeiro estaba menos avanzado que o segundo e asumía que a identificación moderna da poboación africana co Oeste é evidentemente diferente da tradición africana. Neste senso, o discurso local arredor da bruxería integra elementos tanto “tradicionais” coma “modernos” e resulta ser excepcionalmente flexíbel e axustábel. Reflexa non só a fascinación coa modernidade, mais tamén a privación da poboación africana provocada pola marxinación económica.
O representante preeminente do “paradigma da nova bruxería” Peter Geschiere, no seu famoso libro The Modernity of Witchcraft: Politics and the Occult in Postcolonial Africa, considera a bruxería como un instrumento político efectivo, un xeito de acción política tanto a nivel local como nacional. Segundo Geschiere, a variabilidade da escena política –a súa falta de transparencia e a veloz subida e caída dos participantes políticos típico dos estados africanos actuais– representa unha constelación que é inevitabelmente asociada coa bruxería. No campo político actual, onde predomina a rivalidade e a loita por postos políticos mesturada con diferentes intrigas e maquinacións (agochadas do público), a bruxería representa un xeito moi efectivo para levar a cabo loitas políticas internas contra representantes de posicións de poder que, malia a súa educación occidental, admiten voluntariamente a súa fe na bruxería. Maxia protectora, amuletos poderosos, marabú privado e consultas regulares con oráculos, que os políticos buscan e dos que gañan apoio nas súas decisións políticas, poden atoparse en toda a África Subsahariana.
Por outra banda, os cidadáns de a pé empregan a bruxería como unha ferramenta para interpretar accións políticas a través da difusión de rumores e calumnias. O discurso da bruxería entrando no campo da política representa, segundo Geschiere, “un arma de dobre fío” que xustifica o poder nun lado e a impotencia no outro. No primeiro caso, a bruxería representa un xeito de acadar o poder dentro da loita entre as elites para acceder ao poder e á riqueza. No segundo, a bruxería emprégase como un arma para a xente “ordinaria” contra os proxectos nacionais e contra as elites poderosas.
[Tirado de Mildnerova, Kateřina (2016). The modern forms of witchcraft in Zambia: An analysis of local witchcraft narratives in urban settings of Lusaka. Religio, vol. 24, 1, pp. 19-51. Handle: https://hdl.handle.net/11222.digilib/135690%5D
Mércores 8 de marzo ás 21:30 no Pichel
Non son unha bruxa
(I Am Not a Witch, Rungano Nyoni, Zambia-Reino Unido-Francia-Alemaña, 2017, 93′, VOSG)