Os filmes do Equipo Lupa en Curtocircuíto

CASTROMIL_8_1

Este ano colaboramos de novo con Curtocircuíto, nunha sesión do festival na que poderán verse varias das pezas que realizaron nos anos 70 o Equipo Lupa e Euloxio R. Ruibal, pioneiros do cinema amador en Galicia dos que xa vos contamos máis nunha entrada anterior do blog, a través da tese de Xan Gómez Viñas. A proxección terá lugar ste domingo 29 de setembro ás 20h30 no Teatro Principal e as entradas podedes conseguilas aquí.

Máis abaixo contámosvos un pouco máis sobre cada unha das curtametraxes que compoñen a sesión.

Holocausto (Euloxio Ruibal, Galiza, 1972, 15′, VO)

Gravada na aldea de Figueiras, ao pé do compostelán monte do Pedroso, esta perturbadora curtametraxe sitúanos nun pobo imaxinario e sometido, que obedece dende tempos ancestrais a ritos e supersticións, entre as que se atopa a entrega dos acabados de nacer á deusa do pobo. A historia dun pai rebelde, que consegue salvar a súa crianza, e o seu posterior sacrificio, compoñen o armazón argumental da cinta.

O Corpiño (Equipo Lupa, Galiza, 1972, 10′, VO)

O corpiño achéganos á célebre romaría que no día San Xoán se celebra na parroquia de Santa María de Losón, nun outeiro situado no val do río Deza. A peza está dividida en dúas partes: unha primeira acompañada dunha voz en off onde centos de persoas se achegan ao santuario; e unha segunda, a procesión en si mesma, onde a virxe sae da capela e percorre o adro, tendo que ser tocada cunha prernda daquela persoa á que se quere curar do malfado.

Peliqueiros (Equipo Lupa, Galiza, 1973, VO)

A filmación do entroido ourensán mantense coma un motivo case que constante nas distintas iniciativas cinematográficas da década, mais será a visita do grupo Lupa ao entroido de Laza e os seus célebres peliqueiros a que de comezo ao rexistro desta singular festividade.

Rapa das bestas (Equipo Lupa, Galiza, 1972, 14′, VO)

Continuando co rexistro de elementos patrimoniais da cultura galega que se crían en risco de desaparición, o Equipo Lupa achégase a unha das máis populares rapa das bestas, desta volta en Candaoso, Viveiro.

O edificio Castromil (Euloxio Ruibal, Galiza, 1975, 18′, VO)

Filmación da demolición do edifico modernista situado na Praza de Galicia de Santiago de Compostela que fora construído en 1926 polo arquitecto coruñés Rafael González Villar e cuxo derrubo causou unha forte polémica en 1974, cando o concello da cidade expropia o inmoble para o seu derrubo. O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) reclama que sexa declarado monumento Histórico Artístico pero a pesar das protestas o edificio derrúbase en 1975 para a construción dun aparcadoiro subterráneo.

Deixar un comentario