
O Cineclube de Compostela colaborará un ano máis co festival Curtocircuíto na homenaxe que o festival lle realiza ao Equipo Lupa e a Euloxio R. Ruibal, director da maioría das pezas deste grupo.
Nesta sesión, centrada na recuperación da memoria colectiva, da historia e do patrimonio audiovisual do país, proxectaranse A rapa das bestas, O Corpiño,Peliqueiros, Edificio Castromil (na que se amosarán as imaxes do derrubamento do emblemático edificio compostelán no ano 1975 despois de corenta anos) e Holocausto, a única ficción que grabou o Equipo Lupa. Compartimos con vós a continuación máis información sobre a traxectoria do colectivo, tirada da tese de Xan Gómez Viñas:
“A primeira das experiencias colectivas que, de xeito continuado, emprende un proxecto organizado destinado á produción cinematográfica en Galiza e en galego leva por nome o Equipo Lupa. O seu principal promotor, Euloxio Rodríguez Ruibal (Ordes, 1945), atópase desde o inicio moi ligado á actividade dramática, como director e, fundamentalmente, escritor de textos teatrais (…).
A comezos da década dos setenta, Ruibal traba contacto con Félix Casado, perito industrial de profesión e gran coñecedor, desde unha achega estritamente amateur, das distintas cámaras e formatos destinados ao cinema afeccionado existentes na época. Comeza a tomar forma un proxecto, inédito en Galiza, para a produción de pequenas pezas en galego realizadas en formato 8 mm., coas que enceta unha década fundamental para o renacemento da cinematografía galega. Dalgunha maneira Lupa funciona como un faro ao que seguirán, poucos meses despois, iniciativas colectivas de certa similitude, especialmente no aspecto organizativo, entre as que destacan os grupos Imaxe e Enroba.
Os membros do Equipo Lupa beben da dinámica actividade política e cultural que, de xeito máis ou menos clandestino, se move na comunidade universitaria compostelá. Ao maio do 68 e as continuas manifestacións a prol dos dereitos democráticos, agroma un fluxo de activismo cultural que, en moitas ocasións botando man das institucións culturais creadas polo propio réxime, aproveitan o leve aperturismo dos últimos anos do Franquismo para fornecer de ideas e influenzas aos nosos autores. Un dos principais referentes á hora de se achegaren ás principais correntes cinematográficas da época serán os múltiples cineclubes que na altura poboan a cidade. (…)
A esta primeira categoría, marcada polo rexistro documental, pertencen as seguintes pezas: Mesturanza (1972), sobre unha mostra de serigrafía galega; A rapa das bestas (1972), filmada en Candaoso (Viveiro); A procesión das mortallas (1972), sobre a procesión do mesmo nome que se celebra na Pobra do Caramiñal; O Corpiño (1973), rexistro da popular romaría; Peliqueiros (1973), arredor do Antroido de Laza; e Entroido do Ulla (1974), único filme do grupo dirixido en exclusiva por Vidal Bolaño.
Na contracapa do grupo atopamos as obras formalmente máis ambiciosas, de profundo simbolismo e elementos de cine impuro (na noción baziniana do termo) que solicitan do espectador unha ollada reflexiva antes que a simple pulsión escópica. A esta segunda vertente do colectivo pertencen 4×4 (1971), que narra unha historia surrealista arredor da superstición, na que seis personaxes peregrinan a través dun bosque onde saen a relucir as súas obsesións, inhibicións, represións e complexos; Berro na cova (1972), peza inacabada –a única do grupo gravada en 16 mm.– que procura a introspección psicolóxica para poñer en relación os conflitos persoais e sociais; Inqueda volta (1973), arredor do trauma colectivo da emigración; e un filme nuclear, titulado Holocausto (1972) (…)”