
“No 1981 estreábase un dos produtos visuais máis perturbadores das últimas décadas no tocante ás subversións das olladas tradicionais: Freak Orlando, dirixida pola cineasta alemá Ulrike Ottinger, onde se desprega un potente catálogo de «curiosidades» ao xeito dos circos ou das barracas de finais do século XIX e comezos do XX. Un híbrido de dous claros antecedentes que xa desvela o propio título, a novela Orlando de Virginia Woolf e o filme Freaks de Tod Browning; Freak Orlando funciona como metáfora do moderno pola pescuda sobre os límites e as posibles formas para os subverter.
O xogo visual que establece a directora toma a cidade como punto de partida e neste sentido presenta moitas semellanzas coa proposta de Jarman nun produción tamén curiosa como a de 1987, The last of England. (…) Tamén a cidade devén da man de Ottinger nun lugar desfamiliarizado que non é máis que o reflexo dos seus habitantes.
(…)
Na escena que abre o filme, Orlando, na súa etapa masculina, se dirixe cara a un arco formado por letras fluorescentes onde se le «Freak City». Freak: o monstruoso, o da feira, o corpo do espectáculo, o outro, o dos outros, o que amola o sistema, a separación entre o que mira e o mirado; o deforme, o informe, o caos, o anterior á orde e ao nome. É un límite, unha fenda, algo que anuncia a separación, o limiar que se propón: o que queda fóra e o que resta dentro, o antes e o despois; o que pertence ao sistema e aquilo que o desborda e acaba con el; certa relembranza do «abxecto», en palabras de Kristeva, que non é senón ese territorio intermedio, nos límites, imposible de clasificar“.
[Tirado de De Diego, E. (2007) “Memorias desde el trapecio. Límites, fronteras, afueras”, nº. 6, Revista Quintana, pp. 65-83]
Mércores de 19 de abril ás 21.30 no Pichel.
Freak Orlando
(Freak Orlando, Ulrike Ottinger, RFA, 1981, 126’, VOSG)