
“O derradeiro malón é unha anomalía. Éo no sentido cinematográfico e tamén nun sentido político-cultural. No contexto da produción cinematográfica, alén dos seus achados formais […] destaca por formar parte dunha serie de filmes que na súa representación fan visíbel a conflitividade social rural e urbana da segunda década do século XX. Pero indo máis lonxe aínda que os seus contemporáneos, que reivindicaban o gaucho e o obreiro urbano, o filme de Greca denuncia a situación dos indíxenas na Santa Fe paradigma do modelo agroexportador, facendo participar aos propios indíxenas poucos años despois de acontecidos os sucesos narrados.
Pero tamén é singular por tematizar o indíxena nuns termos nos que a intelectualidade arxentina aínda non o fixera: o indio como obxecto de explotación económica, de opresión e de discriminación; e presentar ademais a sociedade branca como responsábel histórica da situación indíxena. Desde esta perspectiva é posíbel relacionar a película, e nun sentido máis xeral o seu factótum, Alcides Greca, cun certo indixenismo latinoamericano previo ao dos anos vinte, que reivindica o indíxena e a súa tradición, que denuncia a situación actual, pero que aínda apela á protección estatal, branca. Por iso, en certos aspectos O derradeiro malón non rompe definitivamente co ambiente herdado do positivismo e dominado polo nacionalismo, ambiente intelectual do que Greca forma parte, pero si dá un paso notábel máis alá ao incluír na “cuestión social” a dramática situación dos pobos indíxenas.”
[Tirado de Pablo Alvira: «”Una legión de espectros”: La cuestión indígena en El último malón» in Anuario de la Escuela de Historia, 2012, Núm. 24, p. 185-186]
Mércores 22 de febreiro ás 21:30 no Pichel
O derradeiro malón
(El último malón, Alcides Greca, Arxentina, 1917, 65′, VO)