O bígamo, de Ida Lupino

Lupino dirixiu seis películas para as súas compañías independentes entre 1949 e 1953; logo do peche de The Filmakers, dirixiu só unha máis, The Trouble with Angels, en 1966. Pero durante este periodo continuou actuando tanto para cine como para televisión, e dirixiu máis de cinco ducias de episodios de varias series entre 1956 e 1968. Podería pensarse que semellante traballo, tan raro para unha muller nesa época (de feito, ningunha outra figura histórica deste período, nin home nin muller, pode presumir dun récord como este), tería asegurado o seu lugar na historia do cine e a televisión. Pero en cambio parece que Ida Lupino, como os seus “anxos” antes ca ela, tería causado problemas. Non me refiro aos que se dicía que provocara como actriz nos 40, pedindo papeis mellores baixo o contrato dos Warner Brothers e sendo expulsada no proceso. Refírome ao problema que causou á historia, particularmente a unha historia xeral do cine, tanto na industria como na academia. O certo é que, con algunhas excepcións, Lupino orquestrou unha especie de acto de desaparición da historia. A maioría de historiadores de cine saben quen foi, e por suposto aparece nos rexistros históricos. Pero para ser unha das dúas mulleres que dirixiron filmes en Hollywood durante a época clásica – 1930-1960 – foi sumamente abandonada na restauración de títulos e a distribución, así como na produción académica.

O problema con Lupino, na miña opinión, non é que fixese pouco, senón que fixo demasiado. Movéndose entre distintos papeis en cine e televisión e, de feito, movéndose entre as industrias do cine e da televisión, categorizala volveuse cada vez máis difícil. E cando se trata de cine (ou televisión) e, en efecto, da investigación universitaria sobre cine e televisión, particularmente na universidade estadounidense, isto é un problema (…).

Nacida en Gran Bretaña, Ida Lupino comezou unha carreira como actriz que seguía a tradición familiar por ambos lados. Fíxose unha fama na pantalla e nos platós como alguén ferozmente independente, e iso levouna á formación dunha produtora independente, The Filmakers, xunto ao seu segundo marido Collier Young e o guionista Marvin Wald. As súas películas eran na súa maior parte dramas sociais realistas, especialmente as cinco que Lupino dirixiu para a compañía. Por exemplo, a súa segunda película, e a primeira inclusión oficial de Lupino como directora, foi Young Lovers (1949), tamén coñecida como Never Fear. Coescrita entre Lupino e Young, a historia trata de dous mozos balaríns que van casar cando un deles contrae a polio. A Young Lovers seguírona Outrage (1950); Hard, Fast and Beautiful (1951); The Hitch-Hiker (1953) e, finalmente, O bígamo (1953). Todas as películas que dirixiu, dun modo ou outro, abordaron cuestións sociais, desde un embarazo non desexado ata unha violación ou as relacións familiares; de forma completamente explícita, lidiaron con definicións de legalidade e criminalidade, avogando por un sistema legal comprensivo. (…)

[Tirado de “El problema con Lupino“, de Amelie Hastie, publicado en Comparative Cinema]

Mércores 26 de febreiro ás 21:30 no Pichel
O bígamo
(The Bigamist, Ida Lupino, EUA, 1953, 80′, VOSG)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s