
“Os soños que escoitamos na fase de investigación non están incluídos nestas estatísticas e fican como unha masa aleatoria e dispersa, xa que non houbo oportunidade de incluílos na fase seguinte de rodaxe. Mesmo a súa inclusión aquí, neste caderno, foi selectiva, dado que non teño maneira de incluír todos os soños que gravamos ou escribimos neste texto. Por exemplo, escoitei máis de 225 soños na segunda fase de investigación, dos cales só escollín 58. Mentres o audio e o vídeo ían ao laboratorio e eu puña as miñas memorias e notas a un lado, a realidade seguía o seu curso.
En xuño de 1982, as forzas militares israelís invadían os territorios libaneses coa presenza palestina como obxectivo. Puxeron Beirut e os seus campamentos baixo asedio. Tras unha feroz e heroica resistencia, os combatentes palestinos abandonaron o Líbano. Os campamentos de Sabra e Shatila foron vítimas dos masacres que levan o seu nome.
(…)
Non puiden completar o filme até 1987. Non visitei os campamentos nin vin persoalmente o que pasara con eles até rematar o filme. Todo o que sabía, alén do que saía nas noticias, eran anacos de información xornalística ou fotografías. Estaba moi afectado por todo o que pasara e estaba a pasar nos campamentos mentres montaba e acababa o filme. Estaba particularmente preocupado por Shatila e Burj al-Barajneh, que levaban dous anos baixo asedio para cando o filme xa estaba rematado.
Moitas das esperanzas que tiña para este filme estaban estragadas. A carga de pesadelo que sustentaba a realidade con dúbidas internas e fondas estourou en moitos pesadelos diversos, moito máis alá do previsto no filme, e enormemente afastados do seu tempo.
Daquela, todo o que podía facer era desarmar os soños revelados polos corpos e lugares que se exhibían fronte a min na pantalliña da mesa de montaxe (o destino dos cales descoñecía) e correr a armalos de novo nun soño sobre soños que son agora a memoria dun soño.
Todo o que podía facer era sacar daquel amor un sopro que animara as células de luz e escuridade, para que a vida na pantalla creara un tempo propio e cargara este día sombrío con forza e esperanza. O 29 de setembro de 1986 o filme estaba rematado cunha duración de 45 minutos. Só 23 soños superaron a rodaxe e a edición. O campo de Shatila estaba baixo asedio naquela altura. Unha copia do filme foi introducida de contrabando para os que estaban no campamento, que foron dos primeiros que a viron”.
[Tirado de Malas, Mohammad. The Dream: A Diary of the Film. Cairo / New York: The American University in Cairo Press, 2016]
Mércores 10 de maio ás 21.30 no Pichel
O soño
(المنام [Al-manam], Mohamed Malas, Siria, 1988, 47’, VOSG)