O lamazal, de Lucrecia Martel

Lucrecia Martel é se cadra unha das máis famosas realizadoras en emerxer do así chamado Novo Cinema Arxentino, o período de auxe mais recente da produción cinematográfica arxentina, que comezou a mediados dos noventa e significou un desvío significativo da estética, modos de produción e preocupacións sociopolíticas do cinema das dúas décadas anteriores.

Aínda que se desenvolve de algunha maneira organicamente, non hai nada accidental sobre o estilo cinematográfico de Martel; ten declarado «Sempre trato de que a cámara mire como un neno de dez anos. Fágoo conscientemente, porque así podo observar as cousas sen prexuízos, con maior curiosidade». Unha das maneiras de acadar esta perspectiva infantil é evitar os planos de situación: «Nunca filmo eses planos porque é moi importante para min que o espectador vexa que as cousas no mundo non son como dita a razón». Polo tanto, os planos de situación, co seu énfase na racionalidade, son substituídos pola súa antítese: a «descomposición dun ou todos os espazos nas súas partes para que a xeografía fique estritamente ligada ás emocións e conexións interpsíquicas». A ausencia de planos de situación incrementa as necesidades do espectador, que ten que participar de xeito activo na produción de significado. Así mesmo, Martel mantén a música e mais o son extradiexético no mínimo absoluto, o cal, en combinación coa ausencia de planos orientativos, resulta nun acusado sentido de estar inmerso no mundo fílmico.

O traballo de Martel é descrito como cinema dos sentidos. Isto é, un cinema no que o visual, tradicionalmente o sentido cinematográfico dominante, é descentralizado e desestabilizado e no que se pon un énfase maior nos sentidos non visuais, particularmente o son e mais o tacto […]. Os filmes de Martel tamén están repletos de imaxes hápticas. Hai numerosos exemplos de encadres que illan mans pousadas sobre xanelas, movéndose a través do cabelo, sobre un radiador, ou nos que a cámara enfoca de preto as texturas –tecido, pel, cabelo–. «A imaxe háptica», segundo Laura Marks, «forza unha contemplación visceral e emocional e neste sentido conecta directamente coa percepción sensorial». […] Para Martel, o son recibe un carácter prioritario desde a mesma concepción dun proxecto: «Antes de comezar a escribir xa sei como vai soar o filme. De certo modo, as imaxes son estritamente o que preciso para encadrar o son», ten declarado. Dada a corporalidade pura que impregna os seus traballos (En La ciénaga, en particular, ponse especial énfase na carne), o son funciona, nun nivel, como ponte entre o corpóreo e mais o etéreo”.

[Tirado de: Clancy, Fiona. “Motherhood in Crisis in Lucrecia Martel’s Salta Trilogy.” Alphaville: Journal of Film and Screen Media 10 (Winter 2015-16). Web. ISSN: 2009-4078]

Mércores 1 de febreiro ás 21:30 no Pichel
O lamazal
(La ciénaga, Lucrecia Martel, Arxentina-Francia-España-Xapón, 2001, 103′, VO)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s