Anja Breien, a cineasta norueguesa que sorprendeu á opinión pública con Violación, non é unha desarraigada nin unha tránsfuga. Nada en Oslo en 1940, fixo estudos sólidos de cinema en París e logo debutou inmediatamente como script-girl e axudante de dirección, entre outros para o filme do cineasta danés Henning Carlsen A fame [Sult, 1966], sobre a obra de Knut Hamsun. Convértese despois en realizadora ao dirixir un episodio mítico que debía formar parte dunha longametraxe, pero que ela vira en dous pequenos filmes que fan agromar a súa personalidade: Rostros [Ansikter, 1969], evocación cinematográfica dos retratos do gran pintor nacional noruegués Edvard Munch, e 17 de maio, un filme sobre os ritos [17. mai – En film om ritualer, 1969], reportaxe satírica sobre a festa nacional. Logo de completar estes voos de proba, Anja Breien estaba preparada para unha realización maior. E así nace Anders, o personaxe centrar de Violación. Anders podería ser calquera outro rapaz, é case anónimo. O obxectivo perseguido por Anja Breien era o de confrontar un individuo co sistema xudicial noruegués. O mozo é sospeitoso de violación e de tentativa de violación. Aos poucos, a rede vai fechándose sobre o presunto culpábel que remata por se preguntar: “Sei realmente algo disto?”. Tratado dunha maneira realista pero sen esaxeración, Violación seduciu notabelmente a crítica norueguesa que lle concedeu numerosos eloxios. Un xornal de Oslo proclama que “é un filme extraordinariamente simple. Está totalmente desprovisto de elementos de sedución para o público, e fala unha linguaxe discreta e sincera que emociona e convence”. A realizadora rodeouse de asesores e por iso pode dicir: “Creo que se pode afirmar que as cousas aquí (en Noruega) suceden así. É isto o que acontece onde o xuíz de instrución e é isto o que acontece durante os acareos”. Aínda que se trate do sistema noruegués, o talento de Anja Breien fixo de Violación un filme de interese internacional.
(Tirado de Charles Ford, Femmes cinéastes ou le triomphe de la volonté. [Paris]: Denöel-Gonthier, 1971, p. 233-234)