
CARTA DE RAFAEL ALBERTI
Bos Aires, 1 de novembro de 1945
Señora María Casares
París
Miña amiga:
Moita ledicia e orgullo sentimos os españois desterrados por estas terras ao sabermos que é vostede hoxe unha das grandes figuras tráxicas do teatro francés. Estou informado, amais, de que o seu devezo é o de facer tamén algún día obras no noso idioma, mándolle, co poeta Arturo Serrano Plaja, esa última miña, co convencemento de que a súa lectura podería interesarlle. Que felicidade para os que escribimos teatro é soñar que vostede podería ser a grande e nova intérprete da nosa vella escena clásica e da que vai xurdir ao seu redor!
Desexándolle os maiores triunfos, saúdaa agarimosamente
Rafael Alberti
As Heras, 3783
Bos Aires (Rep. Arxentina)
***
CARTA DE RAFAEL ALBERTI
Bos Aires, 27 de xullo de 1949
María Casares
París
Admirada amiga: vostede non está tola, non. Sabía das desgrazas da súa nai, coñezo moito das súas ocupacións, do seu constante traballo. Hoxe, ao cabo de case cinco anos da miña, recibo a súa carta, tan simpática, tan afectuosa. Agradézollo de verdade, afágame infindo que lle gustara a miña obra, A Gallarda. Non ignoraba ao enviarlla as súas dificultades así como a imposibilidade para vostede de levala a escena, pois Francia tivo a sorte de convertela, de española, na mellor actriz nova da súa lingua e de ser a miña obra, aínda por riba, moi difícil de traducir […] Para os que non escribimos doado, estes anos forzosos da América, se non nos mataron até o de agora, pode ser, de prolongarse, que rematen por logralo definitivamente. Na nosa España, coido, as cousas terían sido doutro xeito, pero…
Vaime escribir algunha vez?
Reciba agora un agarimoso saúdo de
Rafael Alberti
As Heras, 3783
Bos Aires
(Rep. Arxentina)
[Tirado de Aznar Soler, Manuel (2015). Doce cartas inéditas de Rafael Alberti, José Bergamín, Alejandro Casona, Jean Cassou, Jacinto Grau y Margarita Xirgu a María Casares. Anales de la literatura española contemporánea, vol. 40, no. 2]
Mércores 14 de decembro ás 21:30 no Pichel
O teatro nacional popular
(Le théâtre national populaire, Georges Franju, Francia, 1956, 28′, VOSG)
A fondo: María Casares
(A fondo: María Casares, Joaquín Soler Serrano, Estado Español, 1981, 60′, VO)
Presentada por Melania Cruz.