En internet hai tanta cousa…

Desde o primeiro intre no que nos achegamos aos diferentes estudos sobre a parodia, percatámonos de que a terminoloxía coa que os autores a nomeaban varía a grandes liñas. Foi entendida indistintamente como un xénero, un modo, unha figura retórica, un recurso discursivo e outros termos que se xustifican mediante a súa caracterización. Por iso, a primeira interrogación que debería resolverse para un estudo da parodia habería de ser: “Que entendemos por parodia?”. O certo é que, ao longo da historia, tanto os críticos como os teóricos aludiron á parodia desde perspectivas ben diferentes, o que derivou en concepcións tamén distintas. Porén, é preciso que nun estudo da parodia no que, amais se analizarán obras concretas, amosemos cal é a noción de parodia que imos adoptar e por que. Con este afán, é pertinente que realicemos unha breve revisión do percorrido do concepto de parodia, tendo en conta sobre todo as consideracións dalgúns dos autores máis influentes deste eido.

A parodia forma parte dunha vertente da literatura que podemos denominar como lúdico-festiva, vertente na que, sen dúbida, a comicidade desempeña un papel fundamental. Tanto como ferramente de creación como arma para conseguir os seus obxectivos, a comicidade é na parodia un elemento ineludible pola súa eficacia. Porén, o cómico tamén foi o trazo que condenou a parodia –así como o resto de xéneros propios da risa– a ocupar un lugar marxinal na historia da literatura. Escalíxero, no seu Poetices libri septen (1561), refírese á parodia tendo en conta precisamente ese carácter burlesco e ridículo, apoiándose en como os rapsodos invertían o sentido dos textos previos.

Este concepto do ridículo, enfrontado co “serio”, equiparouse ao denigrante, inferior, e mesmo o vulgar; unha consecuencia máis ou menos directa que se explica polo ronsel que deixou tras de si, sen pretendelo, a Poética aristotélica. Unha evidente subordinación do cómico ao serio que, aínda podemos atopar na crítica actual. Pois é que, até a posmodernidade, as poéticas ocuparon o estudo da traxedia case de xeito exclusivo, sinalando apenas breves comentarios sobre aqueles textos literarios que se dedicaban a conseguir un efecto cómico. Agora ben, ao tempo que os teóricos se centraron en afondar na traxedia aristotélica e os seus derivados, non podemos esquecer que o público aplaudía as parodias medievais como o combate de don Carnal e doña Cuaresma do Libro del Buen Amor, as modernas comedias do Século de Ouro do tipo La Gatomaquia de Lope ou o cumio da propia modernidad, El Quijote; tamén no século XVIII atopamos La comedia nueva o el café de Moratín, o Muérete y verás do século XIX ou La venganza de don Mendo no XX. En suma, o xénero paródico, malia o seu escaso recoñecemento no marco teórico, celebrouse polos lectores e espectadores de todas as épocas. Así e todo, este evidente gusto polo cómico non será o factor que determine –cando menos, non o único– o interese que algúns autores amosan por escribir unha obra paródica. A comicidade paródica, baixo unha aparente superficialidade do grotesco, agocha o verdadeiro poder da risa; un poder do que fala Baudelaire no seu ensaio O cómico e a caricatura (1998) amosando a salientable función da risa na literatura universal. Neste texto, Baudelaire non só atesta o sometemento da comicidade da literatura, senón que a expande a unha degradación cultural do fenómeno da risa. “O sabio non ri senón temerosamente” (Baudelaire, 1998: 17), é dicir, o cómico está ausente ante os ollos da sabiduría e, mesmo, de Deus.

Na parodia, a risa convértese nun elemento que é capaz de facer que o hipertexto derribe o texto previo (o hipotexto), tornando a súa autoridade en ridícula. A ridiculización do hipotexto conséguese grazas á súa caída fronte ao espectador. Así, Bajtín tamén advertiu e suliñou o poder esnaquizante da parodia, xénero que “destrona”, “desacraliza”, “escarnece” e “derriba” ao outro texto (Estébanez, 2004). O carácter cómico da parodia non é senón unha irreverencia ante a autoridade á que desagrada, e non hai mellor xeito de conseguir ese obxectivo; pois, “o Ser que quixo multiplicar a súa imaxe non puxo na boca do home os dentes do león, pero o home morde coa risa” (Baudelaire, 1989: 21).

[Tirado de María José García Rodríguez (2015): De la parodia como intergénero, Tonos Digital: Revista de estudios filológicos, 28]

Mércores 30 de novembro de 2022
En internet hai tanta cousa… Compilación de vídeos paródicos da rede

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s