A felicidade dos Katakuris, de Takashi Miike

Se só coñeces a Takashi Miike polo seu filme de terror a lume lento, Audition, pode que che sorprenda a versatilidade do resto da súa obra. Iso non quere dicir que non haxa escenas de ultraviolencia gráfica no resto dos seus filmes como para rivalizar coa tan discutida escena de tortura en Audition. Ichi the Killer, en particular, NON é para xente aprensiva, como cando o “heroe” tortura alegremente a amantes de gangsters e confidentes yakuzas de xeitos cada vez máis creativos (e repugnantes). O Seattle Film Festival describiu Visitor Q como “facilmente a máis ofensiva das cinco ou seis películas que o señor Miike fixo ese ano”. Aínda máis, a súa serie Dead of Alive (pechada con Dead of Alive: Final) está ao nivel de calquera filme de Hong Kong no que se refire a caos e violencia gonzo. (Cando un crítico preguntou a Miike por que un dos personaxes de Dead of Alive tiña de súpeto un bazooka, el respondeu “E por que non ía ter un bazooka? Non fantasean todos os tíos con ter un bazooka?”).

Dito iso, quen se non Miike podería coller o xénero yakuza e convertelo nun romance (City of Lost Souls, de 2000) ou converter o ascenso e caída dun xefe yakuza nun conto elexíaco e contido (Graveyard of Honor, de 2002)? Quizais é aínda máis reseñable que Graveyard non amose marcas do material no que se basea (o estilizado e violento Graveyard of Honor and Humanity, dirixido por Kinji Fukasaku en 1972), senón que se aproxime a cineastas franceses como Agnès Varda ou Bertrand Tavernier e ao americano Paul Schrader.

Todo iso lévanos a A felicidade dos Katakuris […]. Os Katakuris é distinta de todo o que Miike fixo previamente, quizais mesmo distinta de calquera cousa que vises antes. No fondo é un filme familiar, un modelo non moi afastado de algo que Disney podería ter feito a comezos dos 60. Unha familia múdase ao campo e abre unha pensión, e axiña deben unirse para sobrepoñerse aos obstáculos que atopan. Por suposto, sendo un filme de Miike, os obstáculos inclúen un personaxe demente que pensa que é membro da familia real británica, un loitador de sumo cunha predilección polas menores, e animación stop motion bizarra ao estilo de Jan Svankmajer. E tamén están os números musicais con coreografías camp inspirados polo karaoke xaponés. Un dos números mesmo contén un chisco de cadáveres cantores. […]

[Tirado de “INTERVIEW: “Don’t All Guys Fantasize About Bazookas?” An Interview with Takashi Miike”, publicado por Ryan Motteshead en IndieWire]

Mércores 25 de maio ás 21:30 no Pichel
A felicidade dos Katakuris
(カタクリ家の幸福 [Katakuri-ke no kōfuku], Takashi Miike, Xapón, 2001, 103′, VOSG)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s