Natureza morta, de Jia Zhangke

[…] Os teus primeiros filmes foron realizados dun xeito realista máis tradicional, pero desde O Mundo empregaches elementos fantásticos. Como mudou o teu compromiso co realismo?

Penso que o surrealismo forma unha parte crucial da realidade chinesa. Durante os últimos dez anos ou así China experimentou a clase de cambios que se poden dar nun espazo de cincuenta ou incluso de cen anos en calquera país normal, e a velocidade deses cambios tivo un efecto desacougante, surrealista. Por exemplo, en O Mundo, a ambientación no World Park de Beixín é en si mesma unha fantasía; a primeira vez que o visitei, desorientáronme esas réplicas de monumentos de todo o mundo concentradas nun espazo tan pequeno. Foi como entrar no país das fadas. Aprendín que as vidas das persoas dese espazo tamén son surrealistas. Cando falei coas mulleres que actúan no parque dixéronme que fixeran o mesmo baile todos os días durante tres anos. Aínda que sentían unha sorte de liberdade sendo capaces de entrar en diferentes partes do mundo a pracer, tamén se sentían atrapadas nese entorno insular.

Outro exemplo é Still Life. Cando fun explorar Fengjie, o sitio onde gravamos a película, cada distrito que viamos fora reducido esencialmente a cascallo. Ao ver este lugar cos seus dous mil anos de historia e barrios densamente poboados reducidos a ruínas, a miña primeira impresión foi que os seres humanos non podían ter feito iso. Os cambios aconteceron tan rápido e en tal medida como se fosen froito dunha guerra nuclear ou dunha intervención extraterrestre.

[…] Como evolucionou o teu enfoque da cinematografía dixital?

Desde Unknown Pleasures até agora, Yu Lik-Wai e mais eu estivemos procurando a beleza en formato DV. Encántanos polo apropiado que é para as filmacións aceleradas que facemos. Moitas veces dicimos de broma que de non ser polo DV non seriamos quen de plasmar os cambios que están a acontecer no noso país, polo rápidos que son. Cando gravabamos Still Life non deixaba de dicir que poderiamos rodala nunha semana se quixesemos. O DV é un medio propio do noso tempo, e quería descubrir a súa beleza propia. Cando gravabamos O Mundo, tentamos crear unha textura dixital, porque o World Park tiña un aquel artificial. Traballamos duro para crear o que denominamos un estilo poético-dixital. En Natureza Morta ao principio pensei que quería que fose moi realista pero non puiden deixar de prestar atención aos aspectos surrealistas da paisaxe das Tres Gargantas. Tiven que usar elementos fantásticos porque sen eles non podería conseguir expresar ao xeito a absoluta rareza da nosa realidade contemporánea. Quería retratar a compresión do tempo, a sensación de non vivir xa unha existencia natural.

[Tirado de Interview: Jia Zhang-ke: https://www.filmcomment.com/article/jia-zhangke-interview/]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s