As aventuras do príncipe Achmed, de Lotte Reiniger

DIE ABENTEUER DES PRINZEN ACHMED - Festival de Cannes

“Fun capaz de recortar siluetas case en canto puiden suxeitar un par de tesoiras. Era capaz de pintar, tamén, e de ler e recitar; pero estas cousas non sorprendían a ninguén demasiado. Pero todo o mundo estaba fascinado cos recortes a tesoira, que semellaban ser un logro menos habitual. As siluetas eran moi louvadas e eu cortaba siluetas para todos os aniversarios da familia. Alguén me advertiu de cara a onde me levaría este camiño? Nin moito menos: animábanme a continuar. 

Daquela gustábame moito o teatro e a actuación. Pero representar obras nun pequeno piso era unha boa confusión, polo que foi un gran alivio para todos cando comecei a usar as miñas siluetas para as miñas representacións, construíndo un pequeno teatro de sombras no que puña en escena a Shakespeare. Houbo paz por algún tempo, logo veu o cinema. Eu rexeitara aprender unha profesión, e agora tiña un desexo: facer filmes a calquera custo. 

Isto era un problema, pero as fadas deberon ter piedade de min e axudáronme. Naquela altura, Paul Wegener, un gran actor e artista, estaba en Berlín. Producira unha serie de filmes fermosos e pouco usuais, e a súa ambición era utilizar todas as posibilidades da cámara para o desenvolvemento do filme. Os seus filmes O estudante de Praga [Der student von Prag, 1913], O golem [Der Golem, wie er in die Welt kam, 1920] e moitos outros foron unha estrela que guiou a moitos artistas da produción cinematográfica cuxos nomes son agora célebres. 

Wegener viume cortando siluetas detrás do escenario do teatro de Reinhardt e mostrou o seu interese. Gustáronlle as miñas siluetas, pensou que mostraban un raro sentido do movemento. E por iso me presentou a un grupo de artistas novos que comezaran un novo estudio de filmes de trucaxe. Alí comecei a fotografar as miñas siluetas, igual que os debuxos son fotografados para os debuxos animados, e conseguín facer un filme coas miñas figuras de sombras. 

Isto foi en 1919, e o traballo foi tan interesante que desde aquela raramente fixen algunha outra cousa. Entrementres casei cun dos artistas e comezamos a traballar xuntos, como continuamos a facer até agora. Esa é a miña historia.”

[Tirado de “Scissors made films”, publicado en Sight and Sound, vol. 5, nº 17, Spring 1936, p. 13-15]

Mércores 3 de novembro ás 21:30
As aventuras do príncipe Achmed
(Die Abenteuer des Prinzen Achmed, Lotte Reiniger, Alemaña, 1926, 65’, VOSG)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s