A linguaxe e as falas – Sección Trazas na 16ª MICE do Museo do Pobo Galego

Het dak van de Walvis 3

O Cineclube de Compostela volve participar un ano máis na programación de Trazas, sección da 16ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que terá lugar do 6 ao 10 de abril en Santiago de Compostela. Aquí o texto do noso socio Iván Cuevas que enmarca e contextualiza a nosa colaboración coa MICE:

O uso dunha ou doutra maneira de falar está fortemente ligado á identidade dunha comunidade, pouco importa que esta estea formada por dúas irmás illadas do mundo ou por toda unha colectividade que se erixiu ou pretende erixirse en estado. As nosas escollas lingüísticas, nunca son fortuítas, senón que dependen de relacións de poder condicionadas por toda a nosa bagaxe persoal e por como nos situamos no mundo en termos como os de clase, xénero ou nación. A visión que se constrúe sobre como nos expresamos tamén é de todo menos inocente: desde o prescritivismo que corrixe “erros” na fala até o darwinismo social que produce xerarquías nos idiomas, toda unha serie de relacións de poder pretende a imposición de modelos lingüísticos de prestixio ou condena á marxinación e o sometemento perpetuo a todas aquelas persoas que só poden ou queren expresarse doutro xeito. E, con todo, a resistencia lingüística persiste, quer loitando por dignificar un idioma minorizado, quer protexendo as nosas palabras de quen vén de fóra, mesmo se se tratar de antropólogas inxenuas, convencidas de que o contacto inocuo é posíbel.

Malia a que o cinema etnográfico inmortaliza as falas das comunidades que retrata,  mesmo as que doutra maneira estarían perdidas para as lingüistas, a lingua e toda esta serie de condicionantes que a acompañan non adoitaron ser o obxectivo principal da ollada dos seus filmes. Alén de recollas documentais de variedades en perigo de extinción, resulta difícil atopar títulos que teñan como tema principal a linguaxe humana. Filmes como os que compoñen esta sección, porén, tentaron dalgún xeito encher ese baleiro. E ao facelo, desvelaron moitas das compoñentes dese complexo urdido social e político sobre o que se constrúen as linguas. As historias que compoñen Trazas van da loita pola supervivencia do bretón (Yezh ar vezh de Philippe Durand) á perda do idioma propio no exilio (Journal inachevé de Marilú Maillet), das palabras “inventadas” de Poto and Cabengo á fala secreta das indias yachanes, da integración forzosa nos usos “correctos” dun idioma ao silenciamento das voces das mulleres, do plurilingüismo social ao bilingüismo forzoso (Het dak van de walvis [O teito da balea] de Raoul Ruiz). En definitiva, achégannos un pouco máis ao coñecemento e a reflexión sobre todo aquilo que realmente significa falar unha lingua.

[Máis información na web da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico]

TRAZAS
16ª MOSTRA INTERNACIONAL DE CINEMA ETNOGRÁFICO
Do 6 ao 10 de abril de 2021

A lingua da vergoña
(Yezh ar vezh, Philippe Durand, Francia, 1979, 52′)
Poto e Cabengo
(Poto and Cabengo, Jean Pierre Gorin, EUA/República Federal Alemá, 1980, 77′)
O teito da balea
(Het dak van de walvis, Raoul Ruiz, Países Baixos, 1982, 90′)
Diario inacabado
(Journal inachevé, Marilú Mallet, Canadá / Chile, 1982, 50′)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s