📺 Cineclube na casa #5: Fake news e feiras do gando. Un paseo polo arquivo dunha tele local

“As galegas só podemos chufarnos nas estatísticas de hábitos culturais no que se refire á asistencia a verbenas e á lectura de prensa diaria. As cabeceiras locais resisten, estou certa, grazas ás historias de proximidade que ninguén máis contará se desparecen. (…)

Nos primeiros dousmil asegurábannos que, ao igual que os ‘call centers’, os xornais habían deslocalizar tamén as súas redaccións locais. Agora, con internet, ben podes relatar os acontecementos de Los Ángeles ou Miami desde Calcuta. Já. 

Esta mesma semana recollía The New York Times a existencia dunha asociacion sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é ter en 2020 un millar de xornalistas —con soldo de 40.000 dólares ao ano— a cubrir vastas áreas de Estados Unidos que sofren de infrainformación. Disque en 1990 había medio millón de empregos en medios locais en Estados Unidos. Hoxe non chegan a 173.000. Consideran que é un servizo público enviarlle cronistas á xente a quen ninguén pregunta nada; ben deitan de profesionais do ramo con “espírito aventureiro” e que devecen “por servir á comunidade”. 

O ano pasado, un xornal familiar e diminuto de Iowa, The Storm Lake Times, gañou un Pulitzer. Teñen dez traballadores e tiran 3.000 exemplares. Art Cullen, o director, amosoulles os cairos a todopoderosas corporacións como Koch Brothers, Cargill e Monsanto. A sorpresa non está na valentía dun xornal dunha vila no medio e medio de Iowa, senón en que houbese alguén da metrópole a ollar cara alí.”

(Marta Veiga, “Cousas da prensa local”, El Progreso de Lugo, 20 de abril de 2018)


“O principal problema que pode observarse despois de facer un breve percorrido histórico pola televisión local galega é que o modelo que se desenvolveu ignorou por completo a comunidade real. As televisións locais galegas non habilitaron estratexias de participación e unicamente estimularon participacións interesadas. Foi sempre unha televisión para a comunidade e nunca unha televisión da comunidade (…). De todas formas, hai dous proxectos de televisións locais que actúan en dúas vilas pequenas de Galicia, concretamente nas Pontes e en Chantada, que tentan saírse da tónica xeral. Trátase de RTVI (Radio, Televisión e Internet) As Pontes e Televinte Chantada. [Esta] é unha televisión privada de carácter educativo que traballa moito cos centros de ensinanza da comarca. Cada semana por exemplo asígnase a un Instituto a elaboración dunha noticia audiovisual. Outro proxecto atractivo desta emisora, que agora mesmo está en pleno proceso de elaboración do guión, consiste na realización dunha serie de televisión de trece capítulos realizada integramente polos veciños do lugar.”

(Miguel Otero e Marcelo Martínez, “Mapa de la televisión local en Galicia: investigación, fases de desarrollo y rasgos diferenciales”. En Radio y televisión en el ámbito local, editado por Rafael López Lita, Francisco Fernández Beltrán e Fernando Vilar Moreno en 2003)


“A televisión local de Chantada abriume as súas portas cando tiña apenas 15 anos. Que Televinte che permitise participar activamente no seu mundo implicaba unha oportunidade de expresión única. Sentíaste tremendamente útil, cunha responsabilidade que te conectaba cos adultos e che facía sentir valorado.

Como moitos outros proxectos, todo comezou por casualidade. Falando, sen saber o que había de certo e o que non, fixemos un trato coa televisión, faríamos un programa xuvenil. Andrea Olmedo e eu comezamos a desenvolver a idea. Buscabamos algo dirixido aos mozos, con música, entrevistas e temas que nos interesaban a nós daquela. Así naceu o primeiro programa.

(…) non se trata de que todos acabemos traballando en relación a este campo. Independentemente, esta experiencia contribuiría a que calquera persoa lograse a súa realización persoal, exercese a cidadanía activa, se incorporase á vida adulta de maneira satisfactoria e fose quen de desenvolver unha aprendizaxe permanente ao longo da súa vida despois de aprender a xestionar información e ser crítico con ela.

No ámbito educativo, como alumna, non contei con profesionais preocupados por unha alfabetización mediática e é por elo que me considero afortunada de ter sido partícipe dos primeiros proxectos educativos de TeleVinte”.

(Alba Sánchez Vázquez, “Creciendo a ciegas en la era tecnológica”. En Alfabetización mediática y culturas digitales, coordinado por José Manuel Pérez Tornero, Julio Cabero Almenara e Lorenzo Vilches Manterola en 2010)


Mércores 17 de febreiro ás 21:30 no Instagram do Cineclube de Compostela
Fake news e feiras do gando. Un paseo polo arquivo dunha tele local
Programada e presentada por Gael Carballo Seara

A proposta desta sesión é facer un paseo polo arquivo de Televinte. Como todos os paseos, pódese facer por varios camiños, e pódese botar máis ou menos tempo paseando segundo vos preste. Teredes 70 minutos para explorar os seguintes vídeos, que o noso convidado Gael Carballo propón como punto de entrada aos contidos desta tele local.

  • Novas de Televinte (2012-2018): esta listaxe contén 30 clips con pezas emitidas no Telenovas, o informativo da canle. A duración total é de 139 minutos, polo que a recomendación é que escollades ver as que máis vos chamen a atención polo título, ou deixar algunha a medias para ver algún fragmento da seguinte:
  • Programas de Televinte: a canle local de Chantada realizou ao longo da súa traxectoria unha serie de programas, en moitos casos a través da participación da poboación da zona. Nos seguintes enlaces tedes varios deles, dos que Gael recomenda tentar ver polo menos os primeiros cinco minutos, para facerse unha idea dos contidos e a dinámica. Nalgúns enlaces está xa marcado un punto de inicio concreto para ir ao fragmento que Gael quere destacar.

Por último, na proposta desta sesión hai dous clips máis para completar a perspectiva sobre Televinte e a experiencia das televisións locais.O primeiro é un fragmento de Verán verán, o programa colaborativo entre diferentes canles locais de Galicia, no que se presentan os equipos das mesmas (podedes deixalo logo de que se presente a xente de Televinte), e o segundo é o primeiro vídeo da Canle Ribeira Sacra, o proxecto iniciado na zona logo do cese de emisións de Televinte ao final de 2018.


A maiores, se queredes prescindir de calquera guía e explorar pola vosa conta, podedes ver o total dos vídeos presentes no arquivo de Televinte na súa canle de YouTube.

COMO FUNCIONA O CINECLUBE EN LIÑA?
No tempo no que o Cineclube de Compostela leve a cabo a súa programación a distancia, o esquema para as sesións será o seguinte:
1. Presentación en liña a través dun directo na canle de Instagram do Cineclube.
2. Visionado das obras, que serán pezas dispoñibles en liña e en aberto a través de diferentes plataformas. Facilitaremos os enlaces a través das nosas redes e deste blog no propio día da sesión.
3. Encontro en liña, de novo no Instagram, para compartir impresións sobre o que vexamos.
Os filmes serán, como viña sendo habitual, proxectados en versión orixinal, e a folla de sala que complementa o visionado será publicada como entrada no blog do Cineclube.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s