Que facemos co Cineclube de Compostela?

“Cineclube de Compostela” parece un nome que se define por si mesmo: debe ser un clube no que se pon cine en Compostela. Pero mirando polo miúdo igual non é exactamente así, por varios motivos. O primeiro, que o Cineclube tamén puxo cine en París, Palas de Rei, Monterroso, Carral, Salvaterra de Miño, Barcelona, A Coruña, Arzúa, Marinaleda, Pontevedra, Vigo, Liberec e Lalín.

Mellor entón “Cineclube de Compostela. Ou non. O de cine non está tan claro, porque só hai que botar un ollo á programación para comprobar que nos últimos anos vimos episodios de Historias para non durmir ou Conozca Vd. España (que son televisión), cousas da web de Jonas Mekas, Como non ser vista: Un arquivo. MOV educacional fodidamente didáctico (que é un arquivo.MOV, claro) ou Hai que votalos, a recompilación de spots eleitorais que fixeron Arturo Real e Aldara Castro.

Mellor entón “Cineclube de Compostela”. O clube. Se cadra é o máis importante. Dá igual se poñemos cine ou tele ou vídeo, e dá igual se o facemos en Compostela. A idea é xuntarse, compartir unha experiencia, vivir algo parecido á vez que outra xente e comentar un pouco o que sentimos, para aprender das demais ou acompañarnos. É unha necesidade, nun momento no que Internet ofrece tantas opcións para adaptarse ao noso gusto que se volve unha cousa solitaria. Era máis humano ir a clase ou ao traballo sabendo que todo o mundo vira Gran Hermano ou Mareas vivas ou Aquí no hay quien viva a noite anterior. Agora que non podemos vernos, podemos tentar ser humanos.

E que facemos? A día de hoxe está complicado poñer cine en Compostela, pero a parte humana aínda podemos tela. Podemos ser un clube, aínda que cada quen estea na súa casa. Xa non é a primeira vez que pasa. Puidemos ser membros dun clube deportivo e escoitar o partido pola radio, emocionándonos á vez e ata botando un foguete se gañamos para que o escoite a veciñanza. Puidemos ser membros do clube de fans de Amaia e quedar para ver Operación Triunfo, cada quen na súa casa pero á vez, mandándonos whatsapps e criticando ao xurado. Puidemos ser membros do PSOE e quedar para ver os debates electorais e celebrar a resistencia de Pedro Sánchez. Se cadra non fomos nós, pero non se pode negar que alguén o fixo, así que tomamos exemplo e a proposta para o Cineclube de Compostela dos próximos meses é a seguinte:

  1. A túa casa é a sede. Todo vantaxes. Xa dá igual se chove, e se queres podes ver a sesión cos gatos, na cama, comendo algo que faga moito ruido ou parando para ir ao baño. Mesmo xa dá igual se non estás en Compostela. 
  2. Imos xuntarnos igual. Imos poñer un día e unha hora de inicio para cada sesión. Imos colgar nas nosas redes e no blog os enlaces onde ver as pezas dese día. Imos presentar a selección nun directo desde o noso Instagram e, ao remate, abrilo outra vez para poder falar, por escrito ou por imaxe. Se a normativa cho permite, convida xente á casa, que é agradable ter a alguén con quen comentar o que vexas. Como para ver a final do Mundial.
  3. A rede está chea de cousas. E nós imos pasar por ela para atopar obras en aberto e xogar un pouco cos formatos que unha proxección en sala dificulta. Xa iremos contándovos máis.

Se tedes calquera dúbida ou unha idea mellor, comentádenos. Vémonos pronto!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s