A señorita Ogin

 

ogin sama

“Poucas carreiras na interpretación poden igualarse coa de Tanaka Kinuyo. Na excelente canteira do cinema xaponés, moi poucas como ela -na parte da súa enorme filmografía que sobreviviu, e dentro desta, a parte que traspasou as fronteiras xaponesas cos imprescindibles subtítulos- conquistaron a cámara transmitindo autenticidade e emoción, modernidade e clasicismo, ofrecendo na pantalla unha potente combinación de fraxilidade sobrehumana que para min só admite comparación con Lillian Gish. A súa inmensa popularidade e prestixio como actriz deixou cegos e xordos a demasiados. Afortunadamente van caendo case todos os veos para que poidamos ir descubrindo o seu descomunal talento como directora de cinema. Como actriz, todas as etiquetas coas que se lle clasificou ata hai pouco son insuficientes, imprecisas, globalizadoras, precipitadas, circunstanciais ou paternalistas. Por suposto, foi unha actriz cuxo nome aparecía nos títulos de moitas películas que interpretou nos anos 30 do século pasado; unha gloria nacional que traballou arreo; a actriz favorita duns cuantos xenios; a musa de Mizoguchi; a privilexiada con “axuda interna” para acceder á cadeira de directora e, trala súa viaxe a Hawaii e California a finais de 1949 como embaixadora nipoa, a Bette Davis (!) do cinema xaponés… E, con todo, nada de todo isto lle serviu de verdade para alongar ou incentivar a súa carreira como directora, partida en dúas metades, cun lustro no medio e con tres películas case seguidas en cada unha, das que eu, de momento, conto catro obras mestras estremecedoras, inauditas e sublimes, capaces de xuntar con abraiante sinxeleza desgarro e serenidade, urxencia e acougo, elocuencia e vehemencia, reflexión e impulso, oracións e blasfemias, estancias e paisaxes ou, en definitiva, o que engloba todo: homes e mulleres.

[…]

[…] A señorita Ogin é un prodixio de modulación desde o seu xenial prólogo. Onde uns verán pulcritude, outros vemos precisión: nunha historia que conta os amores prohibidos entre un samurai cristián e a filla adoptiva dun prestixioso mestre de té co pano de fondo bélico do Chanceler de turno non se ve o fío espido dunha soa catana. Bresson non o tería feito mellor: con tres planos e o ruído de fondo de berros, armas e relinchos de cabalos fica resumida unha batalla. Con dous máis exponse o miolo político do asunto, os intereses creados onde comercio, relixión e poder amalgaman e entrecruzan para cinguir os destinos dos amantes. Por último, cun xenial plano elevado rachado diagonalmente polas pólas dunha árbore consegue transmitirnos un diálogo imposible, a ominosa ameaza que pesa sobre a delicadeza. Mizoguchi non anda demasiado lonxe.”

[Tirado de “Un lugar en el mundo: el último melodrama de Tanaka Kinuyo“, por Mario Vitale en Un blog comme les autres]

Mércores 15 de xaneiro ás 21:30 no Pichel
A señorita Ogin
( お吟さま [Ogin-sama], Kinuyo Tanaka, Xapón, 1962, 101′, VOSG)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s