“Encerrado no seu cuarto, só á noite, Gabin rememora a aventura que o levou a cometer este crime estúpido. Lembremos que a acción de Rompe o día se desenvolve en dous planos temporais: o presente e o pasado dependen fortemente un do outro. Vexamos agora como o decorado de Trauner contribúe pola súa banda non só á comprensión do drama, senón máis ben á súa constitución. Igual que Rompe o día sería impensábel sen a música, o drama ficaría baleiro de toda credibilidade sen o decorado que o autentica.
Achego agora os resultados dunha experiencia que fixen varias ducias de veces diante dos públicos máis variados e cuxo éxito foi constante. Pido ao público, logo da proxección do filme, que digan en voz alta os móbeis que observaron no cuarto de Gabin. Inevitabelmente, obtemos as respostas seguintes:
Unha cama, unha mesa, un espello, unha poltrona de vime, unha cadeira, un armario normando, unha mesa de noite.
Daquela resulta sinxelo facer ver ao público, que tiña a sensación de se lembrar cunha gran precisión do decorado do cuarto, que esqueceu unanimemente un móbel ben importante: a coqueta que se atopa entre a cheminea e o armario.
Este esquecemento é aínda máis curioso posto que vemos a miúdo a coqueta e esta ocupa un cuarto da pantalla na derradeira imaxe do filme.
A única explicación posíbel é esta: todos os móbeis citados teñen un papel nalgún momento dado da acción, só a coqueta non intervén nunca de maneira activa. É como se o decorado virase fosforescente en proporción á súa intervención no drama. Ao remate do filme, só a coqueta ficou escura na nosa memoria.
Se continuarmos co interrogatorio sobre os obxectos, o público vai decatarse de que lembra perfectamente os detalles máis nimios do decorado: o oso de peluche, o pasador, a lámpada eléctrica envolta cun xornal, o cinseiro, o mazo de cigarros, as caixas de mistos baleiras, as fotos deportivas aos dous lados do espello, a bóla de fútbol, a biela de bicicleta…
A conclusión que se pode sacar é dobre:
De primeiras, que o papel que ten o decorado está directamente relacionado coa atención que lle prestamos.
Por outra banda, que a proporción de decorado dramaticamente útil no cuarto de Gabin é excepcionalmente grande, posto que só a coqueta escapa ao remate do filme á nosa memoria consciente. Un 95% do decorado ten un papel aquí. Isto non significa, no entanto, que a coqueta sexa superflua. É ben polo contrario que a súa ausencia é notábel. É preciso que a esta coqueta estea aí para pasar desapercibida por mor da súa verosimilitude.”
[Tirado de “O decorado é un actor”, de André Bazin. Publicado en Ciné-Club, Décembre 1949, nº 1, p 4-7.]
Mércores 8 de xaneiro ás 21:30 no Pichel
Rompe o día
(Le jour se lève, Marcel Carné, Francia, 1939, 93′, VO)
Presentada por Nuno Pico