Privilexio

“A Inglaterra de Privilege (1967) é unha nación cuxas institucións perseguen desapiadadamente a ampla conformidade entre o seu pobo. Os partidos conservador e laborista, xa sen ningunha diferencia discerníbel entre eles, formaron unha coalición de goberno: unha ditadura benigna bipartidista que cre que pode manter o poder de maneira indefinida mentres os impulsos rebeldes dos sensatos cerebros da mocidade británica poidan ser distraídos, recanalizados e tranquilizados. Cara ese fin, o estado toma partido polo absorbente interese da carreira de Steven Shorter (Paul Jones), un cantante pop cuxa fama semella non coñecer límites. A primeira vez que o vemos, transitando polas multitudinarias rúas da súa Birmingham natal, saúda solemnemente á súa lexión de devotos no medio dun efusivo desfile capaz de facer axeonllarse ao propio César con toda a apropiada humildade do triunfo.

Porque iso é o que é Steven Shorter: un príncipe pop, un César para as revistas de adolescentes dunha estatura proporcional á dos presidentes, reis ou mesmo astronautas. El é, nas palabras do narrador/entrevistador fóra de cámara de Watkins «o artista máis desesperadamente amado do mundo», e tanto o Estado, as súas institucións financeiras e mesmo a Igrexa de Inglaterra viron na súa emerxencia unha presenza na conciencia nacional británica case tan grande como a da propia Raíña. O seu nome e rostro están por todo: discotecas, electrodomésticos ou calquera tipo de asunto promocional que poida facer cartos ou inspirar un consumo inesgotábel por parte do público. Sen o apoio do goberno, sería tan só outra cara no Top of the Pops, tocando os seus últimos sinxelos a adolescentes aburridos; con el é practicamente Xesucristo. En consecuencia, eles cren que poden facer con el o que desexen.

Shorter acadou o seu grande estrelato, cóntasenos (e amósasenos) a través dunha estraña posta en escena propia do teatro da crueldade que espósao, arróxao ao escenario, méteo nunha cela e, para rematar, fai que un grupo de nenos de coro matóns feitos un cromo para semellar gardas da prisión bata nel sen motivo ningún; todo mentres lles suplica aos berróns adolescentes da audiencia como un Jolson de Carnaby Street que o liberen. Non é algo que lle fose quitar o sono a James Brown nin musical nin teatralmente, pero ten un efecto tremendamente catárquico nos rapaces que o ven. E iso é a clave: o goberno da Súa Maxestade aprehendeu este espectáculo e a súa inmensa popularidade, así como os seus elementos de protesta e está no proceso de retorcelo nos seus fins sociais. Eles ven na representación escénica de Shorter unha maneira de prover á xuventude británica dunha saída «da tensión nerviosa causada polo estado do mundo exterior», e eventualmente esperan que Shorter os conduza en masa cara Deus e a Bandeira, culminando na aceptación uniforme do que un bispo anglicano chama «unha conformidade produtiva».”

[Tirado de “Distribute This! Privilege (Peter Watkins, 1967, Great Britain)”, por Tom Sutpen. Bright Lights Film Journal, 1 de agosto de 2005]

Mércores 18 de decembro ás 21:30 no Pichel
Privilexio
(Privilege, Peter Watkins, Reino Unido, 1967, 103′, VOSG)
Presentada por José Manuel Sande

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s