A música en relación á etnografía na sección Trazas da 14ª MICE

Heavy Metal Parking Lot

“Cantos de traballo nunha prisión estadounidense. Fans de Judas Priest bebendo nun aparcamento. Instrumentos musicais do folclore cubano. Peret cantando “Borriquito como tú” aos seus netos. Unha electro street party en Mauritania. Os Telephones Rouges tocando nun piso na Coruña. Nesta edición da MICE, dende o Cineclube de Compostela dedicamos a sección Trazas á etnografía musical, e propoñemos un percorrido por distintas épocas e lugares, no que o enfoque etnográfico non só se atopa no rexistro de tradicións en vías de desaparición, senón tamén nos xeitos nos que a música popular se integra na nosa vida cotiá e na nosa identidade.

Así, a primeira das sesións de Trazas xunta tres filmes dos anos sesenta, que recollen distintas formas de folclore ao tempo que apuntan a ameaza dunha modernidade que acabaría eliminando ou alterando esas músicas. Afro-american Work Songs in a Texas Prison é quizais o exemplo máis claro: Toshi Seeger recolle os cantos de traballo dos presos negros nun momento no que o traballo forzado que fixo aparecer esas cancións estaba por desaparecer. En The End of an Old Song, John Cohen viaxa ás montañas de Carolina do Norte, onde as baladas británicas pervivían a comezos do século XX. Nos sesenta, segue a haber quen as cante, pero outras músicas toman o papel central na experiencia dese pobo. Ese choque vese en Y… tenemos sabor, onde Sara Gómez describe o son e a procedencia dos instrumentos cubanos mentres advirte que instrumentistas máis novos camiñan xa en dirección ao jazz.

A segunda sesión recolle os cambios que a modernidade, a industria e os cambios tecnolóxicos trouxeron á maneira na que nos relacionamos coa música. The Wigan Casino, de Tony Palmer, filma o Northern Soul no Reino Unido, unha escena na que non hai bandas, senón que a comunidade se organiza arredor do baile e o coleccionismo. O peso da música na construción da identidade contraponse á decadencia das comunidades obreiras. Esa conexión do consumo coa identidade vese tamén en Heavy Metal Parking Lot, unha reportaxe delirante (de Jeff Krulik e John Heyn) sobre o público dun concerto de Judas Priest mentres espera a actuación. Petites Planètes_ volume 5_Peret é unha peza de Vincent Moon na que o mito da rumba catalana aparece fóra do contexto comercial, cantando na casa, para a familia e coa familia. Ese carácter íntimo tamén está en Telephones Rouges nun cuarto, de Rubén Domínguez: nel a banda do Grove dá o seu primeiro concerto nun piso na Coruña. O rexistro reflicte como o pop se volveu asimilable ao folk doutras épocas: persoas que fan música entre iguais, sen o mercado de por medio. A sesión péchaa I Sing the Desert Electric, de Christopher Kirkley, que recolle catro prácticas musicais no Sahel africano e desmonta ideas de pureza asociadas á world music dende Occidente, mesturando contextos máis rituais cunha electro street party e o rock tuareg de Mdou Moctar.

A sección remata con Alentejo Alentejo, unha longametraxe de Sérgio Trefaut que explora precisamente a tensión entre a tradición e o mundo actual. Ao explorar o cantar desa área de Portugal dende o presente, xorde a cuestión de como se relaciona a música propia dun pobo cos cambios no seu modo de vida, que é o mesmo que tentamos recoller con este programa”.

[Texto de Cibrán Tenreiro sobre a programación da sección Trazas na 14ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s