Cartaces do Cineclube de Compostela (2011-2019) en CICLÓN

Desde que, en marzo de 2000, Ramiro Ledo ideara o primeiro cartaz (nun DIN A-4 en branco sobre negro que castigaría os tóneres de boa parte das impresoras da cidade), e especialmente a partir dos debuxos a man de Xoel Méndez da tempada 2001-2002, os cartaces do Cineclube de Compostela adquiriron vida propia alén do colectivo que os puxera en marcha. Foron roubados, rachados, corrixidos, customizados, pintados ou coleccionados por centos de mans anónimas, converténdose na mellor metáfora de que a propiedade intelectual tamén é un roubo.

O ano 2011, con motivo do décimo aniversario do Cineclube, quixemos render homenaxe a toda esta produción gráfica coa edición do libro Cartaces do Cineclube de Compostela (2001-2011). Recollíanse alí as creacións dos xa citados, xunto ás de Juan David Díaz, Nadina Bértolo e X. Carlos Hidalgo. Este último, tendo o traballo máis duradeiro entre as deseñadoras do Cineclube, conseguiu crear unha estética propia para a asociación que fuxira, porén, de toda norma imaxinábel. Os nosos cartaces non teñen logo e poden variar de tamaño, de cores, de formato, de tipo de letra ou de deseñadora. No entanto, continúan a ser recoñecíbeis como cartaces do Cineclube.

En 2014, Xosé Carlos Hidalgo deixaba o Cineclube para afrontar outros proxectos e os novos cartaces serían creados por Pablo Cayuela, Álex Argibai, Edita R. Oca e Misha Bies Golas, as dúas últimas aínda deseñadoras do Cineclube. Todas elas souberon recoller a herdade de anos de deseños sen renunciar por iso a facela evoluír e desenvolver estéticas propias. Entre a tradición e a ruptura, os cartaces, como o propio Cineclube, seguen a aprender, mudar e reinventarse a si mesmos.

A case oito anos daquel libro, Ciclón ofrece ao Cineclube a posibilidade de explorar e recoller a súa produción gráfica, co requisito de formar un catálogo de cen cartaces. Aproveitamos esta ocasión para compilar todos os deseños posteriores a aquela publicación, ademais dalgunhas variantes, descartes e modificacións que nunca viran a luz. Con todos eles quixemos, dalgún xeito, ir alén do ecrán e da escuridade da sala para saírmos á rúa, ao lugar onde acontece o real.

A capa do libro Cartaces do Cineclube de Compostela (2001-2011) recollía a imaxe dun cartafol onde se gardaban os orixinais en papel. Desta, escollemos precisamente ese formato para preservar os deseños sen perder a súa vontade orixinal: a de seren colados, reproducidos ou mesmo modificados. E conformamos así unha sorte de arquivo que preserve o fuxidío da edición de combate e loite contra a fugacidade da era dixital, sen renunciarmos por iso a que os cartaces sigan vivos.

Venres e sábado, 1 e 2 de febreiro de 2019 de 19:30h a 22:30h
Ciclón Compostela na rúa Altamira 14, 1ºB

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s