Sesión sobre Hal Hartley

“Conta Hartley que nunha ocasión unha revista de danza propúxolle escribir un artigo sobre o movemento no cinema, tentouno e fracasou. Parecíalle contraditorio atar a palabra a un suxeito e predicado que ocupase o espazo convencional dunha liña, e doutra, e doutra máis. Ocorréuselle concibir unha especie de caligrama porque “a realidade plástica do poema parécese máis á realidade dun filme, que é a montaxe”. Xustapondo palabras como planos nun filme, cada plano atopa o seu suplente nunha palabra. Incluso un primeiro plano debe ser coreografado: un primeiro plano ten a forza dun monosílabo, dun si ou un non; un plano medio, a modestia dunha palabra bisílaba; un plano xeral, a grandeza épica dunha polisílaba. A danza da linguaxe, un curso de bailes de salón para cada sílaba, para cada letra. Así é o cinema de Hartley: unha coreografía lingüística que estrutura as relacións entre os personaxes, que responde a unha musicalidade, que busca provocar unha emoción. Non é estraño que cando en Simple Men Martin (Martin Donovan) berra que non soporta o silencio, a seguinte secuencia amose os catro protagonistas do filme bailando unha canción de Sonic Youth, secuestrados por un fermoso travelling lateral que segue os seus movementos. É un momento que ten o poder da invocación e que, polo tanto, parece ocorrer noutra parte, tal vez na mente de Martin. Como somnámbulos que obedecen a un sentimento profundo e descoñecido, representan unha coreografía tan sinxela como onírica: ten a textura infernal dos soños, case posúe vida autónoma dentro dunha película que se gaba tanto do seu hiperrealismo como do seu antinaturalismo. No cinema de Hartley as secuencias de baile – Surviving Desire, Simple Men, Flirt – son interrupcións, pequenos parénteses anarrativos que expresan un estado de ánimo ou inducen a unha atmosfera. (…)”

“Cancións de bandas como Sonic Youth, Yo La Tengo, PJ Harvey ou Pavement aparecen regularmente nos seus filmes, a miúdo para substituír o contido narrativo dunha escena dialogada: “En Surviving Desire hai unha secuencia na que os personaxes están andando por unha rúa”, comenta Hartley, “e de súpeto atópanse cun grupo de rock que lle dá unha serenata a unha rapaza na ventá. Dinme conta de que a letra desta sinxela canción de amor condensaba moi apropiadamente boa parte do material que estaba escribindo. Era máis lixeiro e máis elocuente”. A música dirixe a intención das secuencias e a mirada do espectador. (…)”

[Tirado de Las variaciones Hartley, de Sergi Sánchez. Xixón: Festival Internacional de Cine de Gijón, 2003]

Mércores 31 de outubro ás 21:30 no Pichel
The Only Living Boy in New York
(The Only Living Boy in New York, Hal Hartley / Everything but the Girl, EUA, 1991, 4′, VO)
From a Motel 6
(From a Motel 6, Hal Hartley / Yo La Tengo, EUA, 1994, 4′, VO

Sobrevivir ao desexo
(Surviving Desire, Hal Hartley, EUA, 1991, 53′, VOSG)

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s