O vento do leste

De cando data a súa idea de cinema de grupo e como naceu exactamente o Grupo Dziga Vertov?

Esa idea non é miña. Vén da materialización, no sector do cinema, da noción de grupo vociferada polo esquerdismo. De feito, isto supón a substitución do “equipo” pola “célula”, o que é máis científico, máis político. No que a min me concerne, a auténtica ruptura non é dicir: fixen tabula rasa, escapei do sistema, estou facendo outra cousa; é dicir, e non é máis posible hoxe que despois de tres anos de traballo: non marchei, quedeime, non fago outra cousa, mais fago a mesma cousa doutro xeito. É dicir, non tento nada, pero fago o mesmo de xeito diferente. É dicir, xa non é que “Godard regrese”, senón que “alguén chega”. E a ese alguén, xa que ten un nome, chamámolo Gorin.
E isto é o que é realmente novo: o non chamarme xa Godard, senón Godard-Gorin. Foi necesario, por suposto, difundir esta novidade, portar unha bandeira, como todos os demais, e axitala. E portar unha bandeira de xeito novo non foi para nós chamarnos “Clube proletario do cinema”, ou “Comité Vietnam do cinema”, ou “Panteras Negras e Brancas”, senón “Grupo Dziga Vertov”. Pero non basta con portar unha bandeira, aínda era necesario plantala e marcar o territorio onde estabamos e desde o que decidimos tomar a ofensiva. En definitiva, facía falla que nós, os cineastas, nos situásemos historicamente, e non nunha historia calquera senón en primeiro lugar na historia do cine. De aí o estandarte Vertov, o Kino-Pravda, o cinema bolxevique. E aquel é o cinema que é a nosa verdadeira data de nacemento.

Pode falar vostede dos filmes deste grupo, por exemplo de Pravda, Vento do Leste, Loitas en Italia e do rodado en Palestina, Ata a vitoria?

Falar deses filmes é falar dos seus procesos históricos de produción. Así, para falar de Loitas en Italia, faría falla situalo precisamente no contexto das loitas ideolóxicas lideradas polos movementos esquerdistas franceses e italianos entre 1969 e 1970, e que nos conduciron a opoñernos de maneira directa á RAI, “o aparato de televisión” do Estado italiano.
Para falar do filme palestino faría falla, talvez, partir en primeiro lugar de dúas frases de Mao, “que o estranxeiro sirva ao nacional” e “confiar nas propias forzas”.
Tomemos outro exemplo: Pravda é un filme que fixen eu só, que comezou por unha filmación ao estilo da CBS ou de Chris Marker -reportaxe a granel de “pequenos feitos reais en Checoslovaquia despois da invasión soviética- e que se bloqueou a si mesmo por causa dese mesmo estilo de filmación. A situación non se puido desbloquear máis que grazas ao traballo determinante de Gorin en Vento do Leste, traballo que consistiu en trastornar a noción tradicional da montaxe, de non volver a facer unha simple ensamblaxe ou collage de planos, senón unha organización de planos. Este traballo consistía en comezar a cuestionar politicamente tanto as imaxes e os sons, como as súas relacións. Xa non dicir “é unha imaxe xusta”, senón “é xustamente unha imaxe”; xa non dicir “é un oficial do norte a cabalo”, senón “é unha imaxe dun cabalo e un oficial”. Dicir iso en Vento do Leste era particularmente agresivo, dado que estaba situada no terreo principal do opoñente: o western, a “imaxe” que Occidente lle impón -e todos os medios sonlle bos- ao resto do mundo.

[Tirado de “Para escoitar mellor aos demais”, entrevista de Yvonne Baby a Jean-Luc Godard, no diario Le Monde, o 27 de abril de 1972].

Mércores 2 de maio ás 21:30 horas no Pichel
O vento do leste
(Le vent d’est, Grupo Dziga Vertov, Italia / Francia / RFA, 1970, 95′, VOSG)

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s