Instrumento

instrumento-jem-cohen.jpg

“Digamos que se nos seus primeiros traballos a relación de Cohen coa música e os músicos podía moverse por canles máis convencionais (é dicir, a ilustración do son con imaxes, se ben ditas imaxes rompían xa co canon MTV) o encontro de Cohen con Fugazi, a banda de Washington DC, supón a rotura de volta atrás deste tratamento para pasar a un nivel de maior complexidade e compromiso. Así, a longametraxe Instrumento (2001) non é un achegamento a Fugazi dende a óptica dun melómano, un fan ou un cineasta curioso, non é tampouco unha mirada dende a veneración ou a distancia prudencial, é o achegamento de igual a igual, a crónica dun artista que non teme meter as mans no proceso creativo alleo nin tratar de sortear as inevitables friccións.

Dez anos seguindo ao pe da obra aos abandeirados do post straight edge servirán para sentar as bases dun método de traballo a través do cal esa manida idea da simbiose entre música e imaxes faise manifesta, captando a esencia do artista retratado e envolvéndoa en imaxes, entregándonos unha especie de reelaboración desa esencia, sen transmutala e sempre a través dun traballo sabio e extremadamente sensible no ensamblaxe de imaxes e a estrutura narrativa. Instrumento é unha obra ambiciosa, premeditadamente confusa, abraiante na cantidade de propostas que pon sobre a mesa, cunha montaxe afiada de absoluta coherencia coa proposta formal de Fugazi, unha obra que deixa ao espectador tan exhausto como o pode facer a escoita de albumes como Repeater ou In On the Kill Taker“.

[Tirado de “These particular peoble in this particular place (o cómo hacer música con los ojos)” por Fran Gayo en Signal Fires. El cine de Jem Cohen].

Mércores 18 de abril ás 21:30 horas no Pichel
Instrumento
(Instrument, Jem Cohen, Italia / EUA, 2003, 115′, VOSG)