Soyuzmultfilm: sesión de animación soviética.

“Logo da morte de Stalin, relaxáronse moitas das restricións da Soyuzmultfilm. Os realizadores apartáronse da produción de contos populares multiculturais ao xeito da Disney (como Os irmáns Liu [Братья Лю, 1953] de Babichenko ou A flor escarlata [Аленький цветочек, 1952] de Atamanov). Algúns directores comezaron experimentar con outras temáticas e medios, producindo filmes non dirixidos ás crianzas (p. ex, a Historia dun crime [История одного преступления, 1962] de Fyodor Khitruk ou A harmónica de cristal [Стеклянная гармоника, 1968] de Andrey Khrzhanovskiy). Este novo grupo de directores produciu filmes animados sobre temas que expuñan problemas sociais, lanzaban cuestións sobre a natureza da arte e criticaban a burocracia. Contra os sesenta, até os directores de filmes infantís non traballaban sempre no aprobado estilo disneyano, senón que eran libres de experimentar con diferentes formas artísticas e mesmo conseguían incluír nos seus debuxos animados subtextos dirixidos aos adultos (p. ex. Bailarina nun barco [Балерина на корабле, 1969], de Atamanov). Outras innovacións da Soyuzmultfilm inclúen a creación dun departamento de animación stop-motion. Encontrábase a inspiración na arte e a cultura occidental e da rusia prerrevolucionaria, anteriormente prohibidas, e, dado que os debuxos animados en gran parte seguían marxinalizados e eran vistos polas autoridades como menos importantes que outros medios, a animación desenvolveuse como un vehículo para o comentario social.”

[Extraído de Encyclopedia of Contemporary Russian Culture. Editado por Tatiana Smorodinskaya, Karen Evans-Romaine e Helena Goscilo. Nova York: Routledge, 2007, p. 190].

Mércores 15 de novembro ás 21:30 no Pichel
O home no cadro
(Человек в рамке [Chelovek v ramke], Fyodor Khitruk, Unión Soviética, 1966, 10′, VOSG)
As plumas da grúa
(Журавлиные перья [Zhuravlinye perya], Ideya Garanina, Unión Soviética, 1977, 10′, VO)
A harmónica de cristal
(Стеклянная гармоника [Steklyannaya garmonika], Andrey Khrzhanovskiy, Unión Soviética, 1968, 19′, VOSG)
Conto de contos
(Сказка сказок [Skazka skazok], Yuriy Norshteyn, Unión Soviética, 1979, 29′, VOSG)