Só os anxos teñen ás

“Hawks presenta un nacente servizo sudamericano de correo aéreo como unha banda de irmáns e, ocasionalmente, irmás. Os seus defectos inclúen trazas de malicia, hipocresía, bufonería e orgullo. Pero ser parte da súa comunidade saca o mellor en cada un deles – e retratalos provoca unha fita persoal para practicamente todos os membros do reparto. Bogdanovich sostén que este filme fixo de Cary Grant unha superestrela porque provou que podía conquistar á rapaza como un galán romántico, non un cómico screwball (como n’A horrible verdade, de Leo McCarey) ou un poético inadaptado (como na exitosa comedia de George Cukor, Vacacións). E ten razón: Grant está xenial. Metido en sombreiros de ala ancha e pantalóns de gaucho, leva a cabo unha interpretación robusta, carnal, pero tamén delicada e sensible como o xefe dos aviadores, o que mantén o seu esprit de corps e disciplina mentres atravesan os Andes en avións unidos polas proverbiais goma de mascar e cinta de embalar. Thomas Mitchell está igualmente impresionante – sutil e conmovedor – como o seu mellor amigo e man dereita. (…) Rita Hayworth está agradable e imposiblemente fermosa no seu primeiro papel no que chamar a atención, como muller de Barthelmess e antigo amor de Grant. É asombroso ver un pavoneo non autoconsciente que transforma actores de carácter familiares como Noah Beery Jr. (normalmente un enternecedor bo rapaz) e Allyn Joslyn (con frecuencia un snob oficioso) en viriles e impredecibles atletas dos ceos.

A profundidade de banquiño deste reparto é esencial para o éxito do filme como fantasía romántica, e para a súa vitalidade como arte popular. Converteuse nun lugar común dos críticos dicir que Hawks operaba ao mellor nivel perfeccionando as personaxes de luminarias como Grant, Humphrey Bogart e John Wayne. Pero en Só os anxos teñen ás, Grant funciona como o núcleo dun personaxe grupal: unha unida e ruidosa fraternidade de aviadores. A acción do filme xira arredor de dúas mortes na compañía. A súa tensión vén de ver se unha parella de recén chegados pode encher o oco”.

[Fragmento tirado de “Only Angels Have Wings: Hawks’s Genius Takes Flight”, de Michael Sragow].

Mércores 9 de novembro ás 21:30 no Pichel
Só os anxos teñen ás
(Only Angels Have Wings, Howard Hawks, EUA, 1939, 121′, VOSG)