O album de familia

“O paseo polo manexo do tempo no collage hollywodiense lévanos de novo a Berliner, á súa primeira longa, O album de familia. Como esas miniaturas didáticas sobre a evolución das especies que son capaces de condensar miles de anos no reloxo dun día, así tamén O album de familia lévanos do nacemento á morte en apenas sesenta minutos. O efecto, lonxe de producir unha sensación elíptica da vida, transmite a impresión de asistir a unha condensación máxica do tempo, quizás producida por ese desexo de non omitir nada, o “desexo de calar” do que fala Sánchez-Biosca, que Berliner consegue entregando ao son, precisamente, a responsabilidade de non silenciar, non importa a crudeza das súas palabras, as versións distintas da realidade, ata as últimas consecuencias.

(…)

“Como no cine clásico, tamén en O album de familia a continuidade reconfórtanos, transmitíndonos a sensación de que estamos non xa nun mirador privilexiado senon no único dende o que entender o que vemos; sen embargo, o son desdi constatemente esa sensación. A transparencia do raccord fronte á brusca interferencia do son leva finalmente a desconfiar da nosa posición e dos nosos coñecementos, pero sobre todo a sospeitar das imaxes, que primeiro nos parecerán simples apariencias sen fondo e despois, máscaras dunha realidade agochada. Primeiro, deliciosamente inocentes; despois, sospeitosas e, quizá, culpables. É inevitable a referencia ás palabras de André Bazin, a propósito de Lettre de Sibérie, de Chris Marker, cando dicía que “Marker aporta nos seus filmes unha concepción nova da montaxe, que eu chamaría horizontal, en oposición á montaxe tradicional que se realiza ao longo da película, centrado na relación entre os planos. No caso de Marker, a imaxe non remite ao que a precede ou a segue, senon que en certa forma relacionase co que se di”. En Berliner a imaxe si que establece moitas veces vínculos directos coas anteriores ou as posteriores, pero o son segue relacionándose con elas da forma lateral que definiu o teórico francés”.

[Fragmento de “Las manos del cineasta. Notas sobre el montaje y la herencia cinematográfica en la obra de Alan Barliner” en El hombre sin la cámara, por Efrén Cuevas e Carlos Muguiro (eds.), Ediciones Internacionales Universitarias, 2002, p. 60 – 63]

Mércores 1 de xuño ás 21:30 no Pichel
O album de familia
(The Family Album, Alan Berliner, EUA, 1986, 60′, VOSE)