Leccións das tebras

 Lektionen in Finsternis, Werner Herzog

“O colapso do universo estelar sucederá, como a creación,
cun grandioso esplendor”
Blaise Pascal

“As palabras atribuídas a Blaise Pascal que serven de prefacio ao meu filme Leccións de Escuridade (Lektionen in Finsternis, 1992) realmente son miñas. O mesmo Pascal non podería dicilo mellor. Esta cita falsa e non obstante non falsificada – como demostrarei máis adiante – debe servir como un primeiro sinal do que estou tentando tratar neste discurso. Aínda así, recoñecer unha fraude coma tal só axuda ao triunfo dos especuladores.

A cousa é simple e non nace das consideracións teóricas, senón das máis prácticas. Coa cita de Pascal no cabezallo, elevo (erheben) ao espectador, mesmo antes de ter visto o primeiro fotograma, a un nivel máis alto, desde o que poda entrar no filme. E eu, o autor do mesmo, non lle deixo baixar desde esa altitude ata que teña finalizado. Só neste estado do Sublime (Erhabenheit) vólvese posíbel algo máis profundo, unha caste de verdade que é inimiga do simplemente material. Eu chámolle verdade extática.

Despois da primeira guerra en Irak, mentres ardían os campos de petróleo en Kuwait, os medios de comunicación – e aquí falo da TV particularmente – non estaban en condicións de mostrar o que eran, ademais dun crime de guerra, un acontecemento de dimensións cósmicas, un crime contra a creación mesma. Non hai un só fotograma en Leccións de Escuridade onde poidamos recoñecer o noso planeta; por iso mesmo o filme foi catalogado como “ciencia ficción”, como se só puidese ter sido rodada nunha galaxia distante, inimiga da vida. Na súa estrea no Festival de Cinema de Berlín, o filme deu cunha orxía de odio. De todo canto me berraban como animais doentes só entendín “estetización do arrepío”. E cando me cuspiron e ameazaron no podio, só respondín cunha palabra banal. “Cretinos”, díxenlles, “é o que fixo Dante no seu “Inferno”, é o que fixo Goya e tamén Hieronymus Bosch. Ás présas, sen pensalo moito, invocara os anxos da garda que nos familiarizan co absoluto e co sublime (o elevado)”.

[Fragmento de “Sobre o absoluto, o sublime e a verdade extática” por Werner Herzog]

Mércores 18 de maio ás 21:30 no Pichel
Cobra Mist
(Cobra Mist, Emily Richardson, Reino Unido, 2008, 6′, VO)
Leccións de escuridade
(Lektionen in Finsternis, Werner Herzog, Alemaña-Francia-Reino Unido, 1992, 50′, VOSG)