Volve, África

“O cinema negro do apartheid foi realizado por surafricanos brancos (directores, operadores de cámara, montadores, etc.), baseado na ideoloxía dominante do apartheid e distribuído na esfera pública negra. Co paso do tempo, estendeu os seus diabólicos tentáculos dos complexos mineiros ás áreas urbanas negras e aos Bantustans (“patrias”). Mentres a produción estaba controlada totalmente por brancos, que tiraban dela enormes beneficios, os actores eran normalmente africanos. Recentemente, os africanos involucráronse tamén na produción. Son filmes falados normalmente en zulú. O obxectivo específico deste cinema é corromper e desmobilizar a imaxinación histórica e política da poboación negra. Este tipo de cinema revela outra maneira na que a ideoloxía levou o cinema surafricano á mediocridade e ao desastre.

En paralelo a este cinema negro do apartheid realizouse un cinema en africáner. En xeral, a estrutura dos filmes desta tradición, como argumentou convincentemente Keyan Tomaselli, depende dunha dialéctica entre inclusión e exclusión. Segundo Tomaselli, o feito de que a industria mineira do ouro fora dominada polo Imperio Británico contra os intereses dos nacionais africáners fai que a xenofobia impregne este cinema. Co tempo, a xenofobia foi proxectada cara os negros. Orixinada na esfera económica (branco contra branco), esta xenofobia virou cara o plano político (branco contra negro), onde ficou. En esencia, a xenofobia foi unha parte importante do aparato ideolóxico do Afrikaanerdom (nacionalismo branco).

Pola contra, trinta anos atrás un filme foi filmado en segredo en Suráfrica que, co paso do tempo, prefigurou o que podería ter sido un auténtico cinema nacional no noso país. Come Back, Africa, do cineasta independente estadounidense Lionel Rogosin, é sen dúbida o meirande logro do cultura cinematográfica en Suráfrica. O filme foi prohibido en 1959. Foi certamente un evento transcendental o que sucedeu o 1 de maio de 1988, cando o filme de Rogosin fixo a súa primeira aparición pública no noso turbulento país”.

Fragmento tirado de “Come back Africa and South African film history” de Ntongela Masilela en Jump Cut, no 36, Maio 1991, pp. 61 ­ 65.

Mércores 2 de decembro ás 21:30 no Pichel
África 50
(Afrique 50, René Vautier, Francia, 1950, 19′, VOSG)
Volve, África
(Come Back, Africa, Lionel Rogosin, EUA, 1959, 85′, VOSG)