O son da furia

Captura de pantalla 2015-10-07 a las 17.05.09

“Probablemente o filme de despois da guerra máis perturbador sobre o linchamento é Vén e cólleme (1950, orixinalmente estreado co nome de O son da furia), dirixido polo antigo alumno do Mercury Theater Cyril Enfield, que foi incluído pouco tempo despois na lista negra. Inspirado por un incidente real que ocorreu en San José, California, en 1933, esta película é en certos aspectos un regreso ao Hollywood da época da Depresión, especialmente a filmes como Furia e Eles non esquecerán. Conta a historia do veterano de guerra desempregado Howard Tyler (interpretado polo permanentemente preocupado Frank Lovejoy) que desesperadamente tenta atopar sustento para a súa muller embarazada e o seu fillo pequeno. O resentimento de Tyler faise cada vez maior debido aos aparellos de televisión e os grandes almacéns que ve ao seu arredor, e acaba aliándose cun criminal ruín e narcisista (Lloyd Bridges).

(…)

O filme transmite admirablemente a estrutura de clases dunha cidade, e moitas das personaxes secundarias -como as mulleres “duras” que van beber e bailar cos secuestradores- son inusualmente complexas. Aínda que Enfield emprega a miúdo composicións de carácter wellesiano, tamén lle dá á acción unha sensación de autenticidade ao fotografar todo en escenarios reais en Phoenix, Arizona. O protagonista móvese nun mundo de bungalós de baixa calidade, tendas de alimentación familiares e hoteis de cor apagada; e o asasinato ocorre de noite nunha canteira, cunha vítima atada e amordazada á que baten cunha pedra ata matala. Sendo chocante, a violencia inicial non é nada comparada coa que sofren os perpetradores despois de seren capturados e arrestados”.

Fragmento tirado de James Naremore: More than night: Film noir in its contexts. University of California Press, Berkeley / Los Angeles / Londres, 2008, p. 123-127.

Mércores 21 de outubro ás 21:30 no Pichel
O son da furia
(The Sound of Fury, Cy , EUA, 1950, 85′, VOSG)