Sesión sobre Adolfo Arrieta

A imitación do anxo

“Adolfo Arrieta (Madrid, 1942) é o pioneiro e quizais máximo expoñente do que se podería chamar cine underground español (e francés) polos moitos puntos de encontro que existen entre as súas películas e aquelas realizadas nos Estados Unidos de América por creadores como Jack Smith, Ken Jacobs ou Andy Warhol; un cine improvisado, amateur, poético e onírico no que non falta a sensibilidade camp e o kitsch e un aparente apoliticismo.

Nos últimos anos Arrieta someteu as súas películas a un proceso de remontaxe, ou máis ben de retoque, grazas ás facilidades que proporciona o vídeo. Na maioría dos casos esta auto-revisión limitouse á eliminación de planos e secuencias cos que non estaba do todo satisfeito, reducindo considerablemente a duración da súas películas. Por exemplo, a recente edición en DVD de Re:voir de Le jouet criminel dura 36 minutos, 18 menos que a orixinal. Aínda que estas novas versións non deixan de ser edicións videográficas, poñen nunha situación incómoda á xente que se poda dedicar a o seu estudo ou simple contemplación. A partir de agora ao falar das películas de Arrieta teremos que aclarar de antemán a que versións nos estamos referindo: ás orixinais en 16mm ou ás revisións do século XXI feitas en vídeo. Adiviño que este tipo de confusións e o carácter elusivo da súa obra son do agrado de Arrieta, non en van o mesmo cineasta resulta igual de elusivo, empezando polo seu nome sempre cambiante. O cineasta que realizou dúas películas en Madrid antes de emigrar a Francia chamábase Adolfo Arrieta; pero firma como Adolfo González Arrieta Les Intrigues de Sylvia Couski, como Adolfo G. Arrietta Flammes, como V. González Arrieta Merlín, xa de regreso a España, e como Adorfo Arrietta Kikí. Na italianizante Vacanza Permanente volve ser Arrietta e noutras ocasións faise chamar Udolfo Arrieta, Vdolfo Arrieta, Adolpho Arrieta, Adelfo Arrietta ou Adelpho Arietta. Ao noso cineasta parece que non lle complacen as verdades inmutables. E ahora pídeme que faga constar o seu nome como Adolpho Arrietta, porque así é como aparece na edición das súas películas de Re:voir”.

(fragmento da entrevista “Sobre los ángeles. Entrevista a Adolpho Arrietta” por Alberte Pagán)

Mércores, 21 de xaneiro ás 21:30 no Pichel
O crime do bailarete
(El crimen de la pirindola, Adolfo Arrieta, Estado español, 1965, 18′, VO)
A imitación do anxo
(La imitación del Ángel, Adolfo Arrieta, Estado español, 1966, 21′, VO)
O xoguete criminal
(Le Jouet Criminel, Adolfo Arrieta, Francia, 1969, 37′, VOSG)