A febre das armas

Gun Crazy

“Eu estampei a miña sinatura en cada fotograma”, soía dicir Joseph H. Lewis. E tiña razón. De todos os directores que coñecín, Joe Lewis é o máis idealista de todos e, curiosamente, o máis inocente. Como cineasta tiña un oficio considerable, e era un artista extraordinariamente intuitivo. A febre das armas (Gun Crazy), a película dos anos corenta que inspirou directamente o Bonnie and Clyde dos sesenta, é unha das glorias singulares do xénero negro de serie B. The Big Combo, a primeira película do cine americano que incluíu sexo oral suxerido, é outra. E logo están os éxitos sorpresa, títulos tan diversos como o estrafalario filme musical Minstrel Man, a inquietante película de mulleres My Name is Julia Ross, thrillers tan tensos e escuros como So Dark The Night e Relato criminal (The Undercover Man), westerns austeiros como The Halliday Brand e algúns títulos máis; películas de xénero individualistas todas ellas, dotadas de iso que el chamaba o toque impresionista.

(…)

– “Que lle parece A febre das armas?

– Ah, A febre das armas é unha película moi ben feita dende todo punto de vista, por todos os departamentos, de arriba abaixo. O produtor foi moi valente ao permitirme rodar unha película como aquela. Por exemplo, recordará vostede o famoso atraco ao banco. Rodeino nun só plano, ocupou máis de dúas millas de metraxe. Empezamos nun pobo. No guión, a aldea duraba dezasete páxinas: dúas persoas chegan a un pobo, recoñecen o terreo, entran no banco, atracan a todo o mundo, obríganos a botarse ao chan, entran nas cámaras, collen os cartos, e logo hai unha persecución e unha fuxida con coches de policía detrás. Lin a escena e pensei que aquelo non era o meu estilo. Non sabía o que buscaba, pero sabía que non era iso. Díxenme: “Joe, por Deus, non podes facer este tipo de películas. Isto é unha porcallada. ¡Pensa, carallo, pensa!”. E recordo que tiven unha idea. Un día collín o coche e fun a un sitio que se chama Montrose, que é onde rematamos rodando. Percorrino enteiro. E deseguido descubrín o que quería”.

(fragmento da entrevista a Joseph H. Lewis por Peter Bogdanovich en El director es la estrella (Volumen II), T&B Editores, outubro, 2008)

Mércores, 3 de decembro ás 21:30 no Pichel
A febre das armas
(Gun Crazy, Joseph H. Lewis, EUA, 1950, 86’, VOSG)