Curtocircuito: Carta Branca ao Cineclube de Compostela

O festival Curtocircuito deunos carta branca para programar unha sesión que terá lugar este luns 6 de outubro ás 22:00 no Teatro Principal. A selección de filmes, que consideramos representativa da historia do Cineclube, comeza co director co que se iniciaron as nosas proxeccións: Aki Kaurismäki. En A fundición (Valimo, 2007), parte do filme colectivo realizado para o 50 aniversario do festival de Cannes A cada un o seu cinema, repítense as constantes e as personaxes que caracterizan o cinema do finlandés. A clase traballadora, o laconismo e o humor surrealista son o cadro da historia destes operarios que, na hora do almorzo, van ao cinema ver A saída dos obreiros.

Redención (Redemption, 2013) é unha fita composta exclusivamente por imaxes de arquivo e en Super 8, un “filme epistolar” no que catro personaxes de varias épocas e países denudan a súa alma, cunha voz en off, a través de cartas ou en textos íntimos. Dirixida polo portugués Miguel Gomes, un dos nomes principais do cinema portugués contemporáneo, esta curtametraxe debrúzase máis unha vez sobre o pasado colonial portugués, através do found footage, nunha liña que pode entroncar con outros filmes portugueses que puidemos ver no Cineclube, como Fantasía lusitana ou 48.

Dei-xán-do-me estar (En rachâchant, 1982), a curtametraxe de Danièle Huillet e Jean-Marie Straub, é o único dos filmes propostos que xa se proxectou dentro da programación regular do Cineclube, en novembro de 2011. Realizada sobre un texto de Marguerite Duras, nela un neno explica as súas razóns para non querer ir á escola e dar as costas a todo o sistema educativo. A radicalidade na forma e no fondo que mostra esta peza é un bo exemplo do traballo desta parella de directores, que tamén teñen sido recorrentes ao longo dos anos nas sesións do Cineclube.

De Hito Steyerl puidemos ver no Cineclube, no 2010, O centro baleiro. Para esta sesión escollimos outro filme ensaio da cineasta alemá, Novembro (November, 2004), que estuda a función que exercen as imaxes no momento posrevolucionario. Steyerl trata o que hoxe chaman terrorismo e onte dicían internacionalismo, a partir dun filme feminista de artes marciais en Super 8 que a artista e Andreas Wolf rodaran nos oitenta, con dezasete anos. Aquel material de ficción convirtese de súpeto nun documento que cuestiona a noción mesma de memoria política.

E, por último, outro dos directores fetiche do Cineclube, Chris Marker, fecha a sesión con A embaixada (L’ambassade, 1973), a súa resposta ao golpe de estado de Augusto Pinochet en Chile en 1973, caracterizada como outros dos seus filmes polo compromiso político e a reflexión sobre as imaxes. Situado entre o documentario e a ficción, o director de O fondo do aire é vermello mostranos aquí, a través dunha fita de super 8, a un grupo de persoas refuxiadas nunha embaixada tras un alzamento militar.

A cuarta feira que ven, 8 de outubro, o Cineclube de Compostela continuará coa súa programación coa proxección de Quen es, Polly Magoo? (Qui êtes-vous, Polly Magoo,  1966), un filme satírico do director William Klein que ironiza sobre o mundo da alta costura e os seus excesos.

Os filmes serán proxectados en versión orixinal con subtítulos en galego. A entrada é de balde, previa retirada da entrada na billeteira, ata completar aforo.

Luns 6 de outubro ás 22.00 no Teatro Principal
Curtocircuito: Carta Branca ao Cineclube de Compostela

A fundición
(Valimo, Aki Kaurismaki, Finlandia, 2007, 4′, VOSG)

Redención
(Redemption, Miguel Gomes, Portugal/Francia/Alemaña/Italia, 2013, 27′, VOSG)

Dei-xán-do-me-estar
(En rachâchant, Jean-Marie Straub e Danièle Huillet, Francia, 1982, 7′, VOSG)

Novembro
(November, Hito Steyerl, Alemaña, 2004, 25′, VOSG)

A embaixada
(L’ambassade, Chris Marker, Francia, 1973, 21′, VOSG)