Corenta domingos

«O filme por antonomasia do exilio español, No balcón baleiro, é un proxecto que parte dos apuntes autobiográficos de María Luisa Elío, dona do director García Ascot, en cuxo guión colabora tamén o crítico e historiador Emilio García Riera, todos eles fillos de exiliados republicanos. Filmada ao longo de corenta domingos de 1961 e 1962 con actores non profesionais (a meirande parte, tamén, descendente de exiliados) e en condicións case amateurs (cunha cámara de 16mm que permite tomas dun máximo de 35 segundos), a película converterase nun título de culto do Nuevo Cine mexicano e no manifesto fílmico do grupo Nuevo Cine. García Riera chegará a citar a Proust e Rilke como inspiradores literarios dun filme que se desenvolve en dous tempos (Pamplona, México) e que, en palabras de José Luis Castro de Paz, fala do exilio “coma disparador de relacións inconscientes, coma mecanismo asociativo para filmar recordos, para acudir na procura dun pasado —a infancia— paradisíaco e esencialmente irreencontrábel”».

Jaime Pena

Mércores 26 de febreiro ás 21:30 no Pichel
No balcón baleiro
(En el balcón vacío, Jomí García Ascot, México, 1961, 70′, VO)