Para o gánster só existe a cidade

“Nun célebre ensaio de 1948, ‘O gánster coma heroe tráxico’, Robert Warshow declarou que “para o gánster só existe a cidade”, engadindo que a metrópole en filmes como Scarface ou Little Caesar “non eran a cidade real, senón a perigosa e triste cidade da imaxinación… que é o mundo moderno”. Ironicamente, no momento en que Warshow estaba a diseccionar o pano de fondo dos emblemáticos dramas criminais dos anos trinta, o cine negro puña ao descuberto a cara ameazante e a desorde simbólica das cidades americanas “reais”, filmadas en escenarios marcados pola II Guerra Mundial que aínda cargaban coa pegada metafórica da destrución urbana, a pasada e a presente. Traballando dentro e arredor do distrito de Soho, en Londres, en troques dos lugares habituais de Nova York ou Los Angeles, a Dassin e compañía non lles cumpriu evocar sutilmente os persistentes efectos dos bombardeos durante a guerra: xa estaban nidiamente inscritos nas paisaxes de pesadelo recrutadas para as escenas culminantes do filme. Contra Warshow, só o cine negro dispón na pantalla a parte máis vulnerábel dese “mundo moderno”. Ao igual ca The Third Man, feita en Viena o ano anterior, Night and the City cartografía o descenso dun descarado aventureiro americano cara ao centro neurálxico da destrución europea, abandonándose ao espectro da cidade “oculta” á que todo o cine negro, independentemento do marco actual, rende tácita homenaxe.”

(fragmento de ‘Night and the City: In the Labyrinth‘, Paul Arthur)

Mércores 30 de outubro ás 21:30 no Pichel
A noite e a cidade
(Night and the City, Jules Dassin, Reino Unido, 1950, 91′, VOSG)