Nin directo nin verdade

O diario de David Holzman de Jim McBride, feito con menos de 3000 dólares durante 5 días de gravación principal, consegue ao mesmo tempo adiantarse 20 anos á súa época e ser perfectamente contemporáneo da mesma. Precedente espiritual do movemento de cinema americano independente de baixo presuposto (así como de This is Spinal Tap e a conseguinte serie de “mockumentaries”), é tamén un retrato detallado do Nova Iorque do verán de 1967, que fai sentir esa morea de conceptos cargados, idealismos, e dogmas que chamamos os Sesenta. É difícil imaxinar agora o revolucionario que foi a combinación de gravación en exteriores, sensibilidade da película e cámara en man, mais durante os 60 estábanse a explorar por vez primeira as estimulantes posibilidades que ofrecía unha narrativa improvisada que prometía capturar os feitos a medida que estes ocorrían. As cámaras de Rickey Leacock e D.A. Pennebaker, Andy Warhol, Andrew Noren e os Irmáns Maysles estabeleceron unha nova relación cos seus suxeitos: íntima, reveladora e persoal, en contra dunha tradición documental onde os seres humanos eran usados en primeiro lugar como ilustración de diversos temas sociais. E o nome mesmo de cinema verdade anunciaba que eses filmes acadaran a meta da investigación filosófica: a verdade. Os teóricos británicos preferían o termo Cinema Directo, dando a entender que era a Vida Real Transmitida Directamente Cara Ti, de forma non mediada. O caso é que non era nin Directa nin Verdade, e estas ilusións explóranse de maneira cómica e punxente en O diario de David Holzman.”

(tirado do texto de Jaime Wolf para a edición en laserdisc de Criterion)

Mércores 5 de xuño ás 21:30 no Pichel
O diario de David Holzman
(David Holzman’s Diary, Jim McBride, EUA, 1967, 74′, VOSG)