Praza da Oliveira

Achegamos o texto lido onte por DasKapital durante a celebración da Festa XI Aniversario do Cineclube de Compostela:

“O pasado 11 de maio, o Cineclube de Compostela solicitaba permiso do Concello para a utilización da Praza da Oliveira os martes do mes de xuño, de cara a realizar un ciclo de cinema na rúa xunto coa Rede Feminista Galega. Case 20 días despois, a Concellaría de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico aprobaba o uso da praza, pero esixindo o pagamento previo dunha taxa de 405,52 euros por día, en virtude dunha ordenanza do 2007 que regula cuestións como a instalación de postos de artesanía, as rodaxes cinematográficas ou as atraccións. Cun total reclamado de 1622,08 euros, o Concello tenta imposibilitar pola vía económica a actividade, situando o uso do espazo público a un prezo máis elevado ca o marcado pola especulación para os alugueiros dos locais privados.

Sabemos que non somos os primeiros en sufrir esta retorta estratexia da administración municipal. Antes ca nós, outras organizacións políticas, culturais e veciñais, especialmente desde a formación do novo goberno, viron dificultadas ou imposibilitadas as súas actividades a través da petición de fianzas, da imposición de multas ou da negación de permisos para o uso do espazo ou da rede eléctrica. E, contra o que reiteradamente afirma o concelleiro Albino Vázquez, estes impedimentos estanse a dirixir principalmente contra asociacións sen ningún ánimo de lucro, nun plan que ten como último movemento a aprobación o pasado xoves dunha nova Ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da via pública. Contra o seu nome, esta norma rouba e privatiza completamente o uso das rúas, dado que só se lles permitirá a aqueles que poidan pagar as taxas e conten co visto e prace ideolóxico do goberno de turno.

Unha vez máis, a exclusión é o obxectivo principal do capitalismo organizado no goberno da nosa cidade, que só parecen querer poboada por turistas, pedras e cruces. Á exclusión das 20.000 persoas que viven por baixo do limiar da pobreza, das inmigrantes, das habitantes do rural, das músicas da rúa, de tantas e tantas veciñas, súmase agora a dun tecido asociativo que está a realizar a programación que debera ser responsabilidade da administración pública. Unha vez inaugurada unha Cidade da Cultura a medida, seica o seguinte paso da súa política é expulsaren a cultura da cidade.

As persoas que habitamos Compostela non podemos permitir este novo paso na escalada privatizadora dunhas rúas e prazas que son propiedade de todas. O Cineclube xa está a recorrer a imposición das taxas e fai un chamamento a participar en todos os actos programados contra a nova ordenanza e contra calquera outro ataque arbitrario da administración municipal á actividade dun colectivo da cidade. A rúa é nosa, e se non nos deixan usala teremos que tomala.”