Máis grande cá vida

«Había un señor chamado Luís Buñuel e un día un fillo seu díxolle: ‘Éche preciso xantar cun señor chamado Nicholas Ray’. Buñuel xa non quería coñecer a persoa ningunha, ía vello, mais como a petición lle viña de seu fillo, que repetía: ‘É importante, realmente quere xantar contigo’, aceptou. E quedou abraiado co que lle dixo Ray: ‘En Estados Unidos, as cousas son ben sinxelas. Se un cineasta quere facer carreira, cómpre que a película que vai filmar sexa máis cara que a precedente e a vindeira aínda máis cara! A quen tenta facer unha película menos cara, bótano do sistema e liquídanlle a carreira». (Jean-Marie Straub, en Lumière)

O pesadelo en technicolor Máis grande cá vida acaso estaría delirando no ecrán –ou sexa: mediante os poderes do cine– ese martiroloxio do cineasta do que avisaba Ray a Buñuel coma dunha enfermidade crónica, cardíaca. Bigger than life éo asemade, e tanto ten se a fábrica é de soños ou parafusos, o capitalismo a través da súa taxa de ganancia, á que non lle abonda con medrar se non é medrando máis, cadora. Pero toda produción, aínda que de fondo, mete ruído.

Aurelio Castro (o texto completo repartirase na sesión do mércores)

Mércores 30 de maio ás 21.45h no Pichel
Máis grande cá vida
(Bigger than Life, Nicholas Ray, EUA, 1956, 95′, VOSG)