48

“Nun primeiro momento poderiamos pensar que 48 (2009), de Susana de Sousa Dias, é un filme moi sinxelo que afronta un conxunto de fotografías de prisioneiros políticos extraídas do Arquivo da PIDE/DGS (a policía política da ditadura portuguesa, 1926-1974) coas voces dos mesmos detidos moitos anos despois. Imaxes e sons que tratan de contar a historia dos corenta e oito anos da ditadura portuguesa. Un relato narrado polos mesmos suxeitos representados nas fotos por medio de pequenos detalles que só eles son quen de identificar na imaxe: “un bigotiño”, “un aceno”, “unha chaqueta ás costas”, “un gabán por riba da chaqueta”, “unha calva” ou “un sorriso”. Miudezas reveladoras deses tempos. Non só das estruturas políticas represivas e das formas de resistencia, senón tamén do xeito en que vivían e desexaban.

Porén, baixo a aparente simplicidade deste dispositivo fílmico agroman cuestións complexas que atinxen á natureza mesma da imaxe. Entre as fotos que vemos e o que aconteceu hai, decote, un abismo que as voces dos antigos presos poñen de manifesto: “aquí non o amosa a fotografía, pero eu xa encanecera”, “o que é estraño é que é unha foto tirada na policía. Son eu, pero non lembro nada”, “miña nai non é esa, ese non é o seu rostro”, “ese é o rostro de dentro, non o de fóra”… Unha tensión entre o que amosa e o que agocha, propia do mecanismo fotográfico, que implica sempre un fóra de campo invisible (espacial e temporal) que interfire na imaxe e que, no caso desas fotos carcerarias, fala precisamente do dispositivo que as configurou: un conxunto de procedementos adoptados polo sistema policial para fixar a identidade do detido.”

(fragmento da recensión de 48 escrita por Celeste Araújo para Blogs&Docs. Texto completo aquí)

Mércores 25 de abril ás 21.45h no Pichel
48
(48, Susana de Sousa Dias, Portugal, 2010, 93′, VOSG)