Itinerarios, imaxes e ideas

“Patrick Keiller é un deses cineastas que sabe onde e como mirar para contar a historia dunha cidade, dun país, ou mesmo de toda unha época. Os seus traballos son ‘documentários psicoxeográficos’, intentos de explicar procesos históricos a través da observación atenta de espazos simbólicos. London (1994), Robinson in Space (1997) e Robinson in Ruins (2010) forman unha triloxía de andainas por distintas paisaxes do Reino Unido á procura da súa identidade inglesa en tempos de crise, entre o rebumbio urbano e as tarefas agrícolas.

Nestes títulos, Keiller transfórmase en Robinson, un investigador pouco ortodoxo disposto a abordar ‘o problema de Inglaterra’ a través das súas derivas polo territorio. Os seus informes son unha mestura de imaxes fixas e comentarios deslavazados transmitidos sempre por vía indirecta: o actor Paul Scofield puxo a súa voz ao narrador anónimo de London e Robinson in Space, mentres que a actriz Vanessa Redgrave le cunha voz distanciada as notas que o personaxe abandona en Robinson in Ruins. Velaí o legado de Robinson: itinerarios, imaxes e ideas para interpretar o espazo coma palimpsesto histórico.”

(Iván Villarmea, “A Memoria dos lugares”, A Cuarta Parede)

Mércores 29 de febreiro ás 21.30 no Pichel
Londres
(London, Patrick Keiller, Reino Unido, 1994, 85′, VOSG)