Sobre a violencia: o encadre

Os acontecementos de onte en Compostela, o desaloxo da Sala Yago por parte dos antidisturbios e as conseguintes protestas de máis de dous centos de persoas perante o abuso policial, impediron o desenvolvemento normal das actividades programadas na sala. Entre elas a proxección e debate d’O vídeo de Benny. Á luz do acontecido cremos interesante achegarvos algún fragmento do texto preparado para a sesión cancelada, que pode aportar interesantes elementos de reflexión:

[…]

Žižek establece [en Sobre a violencia] tres categorías da violencia: subxectiva (crime, terror: a perturbación do estado “normal” das cousas), obxectiva (racismo, discursos do odio, discriminación: o elemento inherente a ese estado “normal” de cousas) e sistémica (consecuencia do funcionamento do noso sistema político-económico, «o reverso dunha violencia subxectiva demasiado visíbel»). Para Haneke, nese sentido, a televisión ten unha función moi clara: é a interface entre as violencias sistémica e subxectiva, mantén a invisibilidade da primeira a través do encadre da segunda. Nos filmes de Haneke, o aparato televisivo está sempre presente: acompañando a agonía dunha familia suicida n’O sétimo continente, mediando o asasinato dunha adolescente n’O vídeo de Benny, presentando imaxes bélicas en 71 fragmentos…, chorreando sangue dun cativo en Funny Games, deitando imaxes pornográficas n’A pianista (2001), facendo saber a unha familia que é vixiada en Cache (2005). […] Explica Haneke: «Estou preocupado pola televisión como símbolo clave da representación mediática da violencia, e máis xeralmente dunha crise maior que vexo como a nosa perda colectiva da realidade e a desorientación social. A alienación é un problema moi complexo, pero a televisión está certeiramente implicada nel. Nós, por suposto, non percibimos xa a realidade senón, no seu lugar, a representación televisiva da realidade».

[…]

(tirado de “En torno a lo real”, artigo publicado por Nicolás Cabral no seu blogue http://ncabral.blogspot.com/)

■ Preme aquí para descargar o texto completo.

■ Recordade que podedes acceder a textos editados anteriormente polo Cineclube na sección Textos deste mesmo blog.