Winstanley

«(…) A meirande parte das nacións occidentais, e moitas orientais e do terceiro mundo, teñen a súa orixe en revolucións sociais e guerras civís: EEUU, Rusia, China, Francia, Vietnam, Sudáfrica e Irlanda, por citar só algunhas. Moitos británicos cultivados sorprenderíanse ao coñecer que a nosa nación tamén se inclúe nesta listaxe, pero é así. Mediado o s. XVII executamos ao noso rei e sufrimos unha sanguenta guerra civil para determinar o tipo de sociedade na que viviría a nosa descendencia. Non só loitaron soldados e tropas entre si, tamén o fixeron as ideas. Eran tempos de grandes visionarios esquecidos: homes e mulleres que crían poder intuír un camiño cara un novo e mellor xeito de organización social, algún principio polo que poderiamos compartir a riqueza da terra con maior xustiza e levar as nosas vidas en paz cos demais, unha maneira de machucar os «grillóns forxados pola mente» que someten todos os estratos da sociedade por igual.

Gerrard Winstanley foi, de entre estes visionarios, un dos máis senlleiros. Sostivo que a xente común de Inglaterra fora escravizada a través do máis básico de todos os medios de produción, o control da terra por parte dos señores feudais desde a invasión normanda, e suxeriu, nos termos máis pacíficos posibles, que a terra, o noso tesouro común, podería ser compartida.»

David Gardiner

***

«Realmente non hai moito que dicir de Winstanley, agás que é a máis fermosa e misteriosa película inglesa desde o mellor Michael Powell (ao que non se asemella en ningún outro aspecto) e a mellor película histórica pre-século XX desde The rise of Louis XIV (Roselllini) ou a Crónica de Ana Magdalena Bach de Straub-Huillet. Sei que pode resultar esaxerado pero non son quen de esquivar esta idea. Filmes dunha beleza misteriosa que contan algo sobre o pasado son raros e, certamente, non se espera atopar nada tan idiosincrático como isto no cinema inglés.»

Jonathan Rosenbaum

(fragmentos dos textos traducidos para a folla de sala que repartiremos este mércores 26. Podedes lela completa aquí)

Mércores 26 de outubro ás 21:30 no Pichel
Winstanley
(Winstanley, Kevin Brownlow e Andrew Mollo, 1975, 95’; VOSG)