Historia (lapidaria) da loita de clases

Un paseo polas tumbas dos resistentes americanos. Iso é o que nos ofrece John Gianvito no seu filme, Profit motive and the whispering wind (2007). Tan sinxelo coma intenso. Un exercicio de memoria radical (no sentido de que vai á raíz, á lápida ou ao non-lugar como resto material do que sucedeu). Un poema fúnebre, un memorial cinematográfico. Acaso tamén un par de preguntas. Como escapar á recuperación dunha memoria pasiva? Como transformar o exercicio de memoria nun verdadeiro acto político? Que ten a ver ese pasado co noso presente?

As mesmas preguntas que se deixan sentir no voluminoso libro de Howard Zinn La otra Historia de los Estados Unidos, o cal non só é a inspiración de Gianvito, senón unha obra á cal o filme quere render homenaxe. Zinn é autor dun traballo histórico peculiar, que non cre na suposta neutralidade da historia, e xa dende o seu inicio toma partido explícito polos que nunca acadaron o poder (por iso que, non sen certo reparo, poderiamos chamar o “pobo”). De feito, o libro de Zinn é un penetrante recordatorio das vítimas: o listado sempre incompleto das experiencias de oposición á inxustiza, que tece un tapiz sobre o que se van sucedendo, indiferentes, os grandes nomes da nación. A elexía substitúe ao discurso científico. En ningún caso unha explicación lexitimadora das políticas estatais, do progreso da civilización, senón a constatación do prezo que algúns (a maioría) pagaron por iso. A convicción, en definitiva, de que, citando unha vez máis (até o esgotamento) a máxima de Walter Benjamín que lle serviu –notable coincidencia– de inscrición funeraria, “todo documento da cultura é sempre un documento de barbarie”.

(fragmento de Historia (lapidaria) de la lucha de clases, Iván G. Ambruñeiras, Blogs & Docs, abril 2008. Podes ler o texto completo aquí, ou ben na folla de sala deste mércores)

Mércores 19 de outubro ás 21:30 no Pichel
O afán de lucro e o murmurio do vento
(Profit Motive and the Whispering Wind, John Gianvito, EUA, 2007, 55’; VOSG)