Súper 8

O Cineclube de Compostela pecha o curso o vindeiro mércores 29 de xuño, e faino substituíndo o proxector dixital por dous proxectores de súper8 que ha traer, para a ocasión, o noso derradeiro convidado da tempada: Ángel Rueda. AR dirixiu as dúas edicións realizadas, até o de agora, do (s8) Mostra de cinema periférico, celebrado recentemente no Antigo Cárcere da Coruña. Anteriormente, con Lili Films, estableceu as bases de rescate e restauración de formatos e modos de produción amateurs: 8mm, 16mm ou, principalmente, súper8. O labor de Rueda na recuperación deste formato articula, cunha estimábel flexibilidade, as funcións de arquivo e exhibición, da procura de material doméstico á remontaxe do mesmo en novos filmes, e onde á posta en valor do documento se lle engade o compoñente lúdico e singular da proxección pública das fitas.

Este mércores poderemos ver algunhas das pezas realizadas e montadas en súper8 polo propio Ángel Rueda: Bendita calle, “sinfonía urbana rodada integramente en Súper 8, cámara en man seguindo o ideario de Vertov”; Vidas con hongos, “onde as gretas do celuloide convértense en gretas de felicidade, evidenciando o carácter fráxil e selectivo dos nosos recordos”; Deconstrucine, “unha acción audiovisual performativa, que explora novos xeitos de facer cine, baseada na técnica do cine realizado en tempo real e a través dunha película de remontaxe feita con anacos de outras películas de súper 8” e, por último, un extracto de Os fillos da vide, “avance do novo proxecto documental e autobiográfico de Ana Domínguez”.

Mércores 29 de xuño ás 21.30 no Pichel
Bendita calle (Ángel Rueda, 18′)
Vidas con hongos (Ángel Rueda, 11′)
Deconstrucine (Ángel Rueda, Ana Domínguez e Miguel Mariño, 18′)
Extracto de Os fillos da vide (Ana Domínguez e Ángel Rueda)
Coa presenza de Ángel Rueda e Ana Domínguez

* Todos os filmes serán proxectados no seu formato orixinal, súper8, agás Deconstrucine, proxectado en vídeo.