Eldridge Cleaver

Eldridge Cleaver, Ministro de Información das Panteras Negras dende 1966, é un dos membros máis contraditorios do Partido dos Panteras Negras. Vítima do programa de contraintelixencia, acusado de asasinato en 1968 por un tiroteo no que morreron o pantera Bobby Hutton e dous oficiais de policía, exiliouse en Cuba e, posteriormente, Alxeria, de onde pasou finalmente a Francia. Dende o exilio destacou polo seu discurso incendiario, no que chamaba a unha confrontación directa pola liberación negra. En 1975 regresa aos EUA, renunciando completamente a este pasado, e sendo finalmente condeado a liberdade condicional por agresión. Desde 1980 e até a súa morte, foi militante do Partido Republicano.

É no exilio en Alxeria, aínda dentro do partido e co discurso daquela época, onde William Klein dá con Eldridge Cleaver. Mentres se atopa en Alxer para cubrir o Festival Cultural Panafricano de 1969, Klein recibe a petición de Cleaver e do goberno alxeriano para realizar un documentario sobre o pantera. A filmación realizase, sen descanso, ao longo de tres días, capturando un documento impagábel sobre a controvertida figura de Cleaver, mentres este reflexiona sobre o racismo nos Estados Unidos, os atentados que sufriu, a guerra do Vietnam ou as relacións entre o Black Power e os movementos de liberación africanos.

Mércores 9 de Marzo ás 21:30 no Pichel
Elridge Cleaver
(Elridge Cleaver, William Klein, Alxeria / Francia, 1970, 75′, VOSG)