Doclisboa (e III)

Xa dende o luns ao norde do norde de Portugal, cómpre facer lembranza e esculcarmos as fitas que deu en premiar o DocLisboa 06. É que amais das estupendas seccións Historias Mínimas. O documentário japonês contemporâneo, Mostrar trabalho e da retrospectiva Amos Gitai, haber houbo unha competición oficial que mesturou naturalizacións fílmicas da ollada documental –isto é: “unha fiestra nidia dende a que enxergar o mundo”-, unhas poucas longametraxes cuxo devezo andaba, si, no empoderamento da escritura (do espectador), e algún outro arroto televisivo. Cousas do “festivalismo”.

Na Competición Internacional o primeiro premio (a)caeulle ben a Ricardo Íscar e conta de certo co noso parecer compracido. O traballo na mina resultou substancia de varios filmes este ano: Nós, os de Aló, Surfarara, Harlan County. Outra volta, Terra Negra, que xa se puido mirar no Cineclube de Compostela contra o fascismo posmoderno da propiedade intelectual, pousa o dispositivo no Real suoroso do carbón e na fala luminosa dos obreiros. E non logo, á marxe dunha forza laboral que ha cohabitar cada xornada co bafo do sinistro: dende o tremor cotiá. Filmar dende e non de. Seica o produtor de Terra Negra –son eles ben adoito os malos dos filmes- tentou enzoufar a circulación do filme e se cadra o galardón faga calar por fin o seu rancor de Ficción. Noraboa.

A Mención Especial do xurado foi para Babooska, de Rainer Frimmel e Tizza Covi, verbo da vida circense. Quérese dicir, da xente de feira en feira, da vida dos “moinantes” –termo que colleu senso racista na Galiza-. Cando menos, o documentario porfía niso que esquecera de comezo o audiovisual dominante: o encadre; é dicir, unha escolla a respecto do mundo. É máis, convoca unha ollada activa mediante a narración fragmentada dun ano en tránsito forzoso. Emporiso, non lle sentaría mal unha miga da sorpresa cinematográfica que asina, poñamos por caso, o Makoto Satô en A vivir no río Agano, tamén en DocLisboa.

Na competición nacional, levou o primeiro premio Pintura Habitada, de Joana Ascensao. Velaquí un impecábel retrato da artista contemporánea Helena Almeida, que refuga o ocio visual a prol da expresión económica no cadro e na montaxe. O caso -talvez for pola escolla de Almeida- é se a longametraxe non dá en alimentar certa idea mítica da Arte, coma feito puramente estético e autorial. Esa que se vende en ARCO. Será logo o risco, na poética de plano que propón Ascensao, dunha beleza intransitiva. E a Mención especial foi para Logo existo, de Graça Castansha e verbo dos doentes de infarto cerebral. Esta fita semella a xemelga reaccionaria de Monos coma Becky, de Joaquín Jordá: gabanza do discurso médico, individualización da enfermidade, humanismo mol.

En fin, alén de Tierra negra, o cinema mellor mirouse no Pequeno Auditorio.

Unha idea sobre “Doclisboa (e III)

Comentarios pechados.